O barro para a Cerámica viña de Dena

Gonzalo Trasbach
GONZALO TRASBACH (IN) SOMNIUM

BOIRO

DANI GESTOSO

01 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Con motivo do segundo cabodano do compañeiro Frederichi Nonmetolees, Moncho o Chicharro, Luisete Muxevacas e Perico Montacabras coincidiron no camposanto de Abanqueiro. Despois do acto relixioso, acordaron xuntarse no bar Os Fornos, onde en numerosas ocasións, así coma no bar Corea, na beira da estrada entre Triñáns e Romarís, chiquiteaban e discutían sobre a actualidade da comarca co defunto agora recordado. Unha vez que sentaron nunha das mesas do establecemento hostaleiro e pediron de beber, o Chicharro lembrouse da historia de amor cuxo remate final relatou o Muxevacas cando se encontraran na romaría de Exipto, onde tamén estaba Pancho de Carrofeito o veciño de Champainacrica, o eterno noivo de Estreliña dos Vasques, nai da única filla coñecida do juapito do Baixoberres.

 

Nesta ocasión incorporouse á xuntanza o fillo do Carracho Pitillodepau, o que sempre levaba entre os beizos para non fumar, pois era bronquítico crónico. O Chicharro quixo pescudar se o Muxevacas coñecía máis contos de sexo que tiveran lugar entre as paredes da fábrica de ladrillo. Respondeulle que o seu pai contara nunha ocasión que unha veciña da súa aldea quedara preñada na Cerámica. A muller, que xa tiña un fillo de solteira, deu a luz outro neno, pero ninguén sabía con certeza quen era o pai da criatura.

Entón interveu Joseíño do Carracho, coñecido entre os seus veciños do Seanciño coma Pepiño Tirapallas, para dicir: «Segundo comentan as harpías da nosa aldea, foi o encargado da fábrica quen embarazou a Paquita do Rato». E despois preguntoulle o Pancho de Carrofeito: «E quen era o encargado?».

O Tirapallas, que tamén tiraba algo da lingua, explicouse así: «O encargado veu do outro lado da ría, de Dena, de onde así mesmo traían o barro para facer os ladrillos. Ese home veu cun fillo, que era pequeno, pero moi agudo, e que era o responsable da oficina… A súa eficacia quedou demostrada cando anos máis tarde, despois de casar cunha das fillas dun panadeiro de Boiro, pasou a dirixir unha entidade bancaria da vila».

«E como sabes ti estes contos?», indagou Moncho o Chicharro. E logo dunha pequena pausa, o Tirapallas confesou que o seu pai era tío do Jomez Marrucho de Ferreiros. Este era veciño do Chente Quechepazates, que á súa vez acabou coma cuñado do Mataporcos Masisoco. Ambos os dous estaban enrolados no barco do Jomez, o cal bautizara coma Massikossa, en lembranza dunha geisha que coñecera no Xapón cando estivera navegando.

«Pois bbbeeen —continuou o Carracho—, como xa dixen antes o barro viña de Dena. Traíano en barcazas e descargábano na rampla do peirao do Bodión, onde os barcos só podían atracar nas mareas vivas. E desde alí levábano para a Cerámica no camión do doutor Don Gonzalo, que tamén era socio fundador do negocio. O condutor do vehículo era un home chamado Eliseo. Este, que era de Ferreiros e tío do Chente O Chepudo, estaba casado cunha muller de Taragoña que rexentaba a taberna O Descanso da Costa, case que en fronte do cruzamento para Rianxo».

Colleu alento o fillo do Carracho e deseguido retomou o fío do seu relato: «O Eliseo, que xuraba en arameo cada vez que o camión patinaba e non podía gabear pola rampla, sabía todo o que ocorría dentro da fábrica e contábao na taberna de Luisito. Unha vez o coche fóiselle até bater contra a escaleira de pedra onde remataba a rampla. Entón berregou e nomeou todos os santos habidos e por haber. Fíxoo con tanta carraxe que unha tropa de rapaces que estaba enriba do peirao fuxiu acolloada», explicou o Tirapallas, que logo relatou que cando Paquita do Rato deu a luz ao seu neno case ninguén se decatou do asunto, porque por aqueles días tivera lugar un terrible accidente dentro da Cerámica: un home do Corrillito, casado en Pazos de Quinteiro, perdeu as dúas pernas e viuse atado a unha cadeira de rodas para o resto da súa vida.