O ser humano é un ser contraditorio, e as máis das veces vai contra a súa propia realidade.
Velaí o outro día, nunha clase en Boiro, ergueuse unha conversa inquietante sobre Vox, e unha alumna que hai uns anos veu coa familia do estranxeiro dixo en alto que este partido de ultradereita molaba; esa foi a palabra. A profesora confesoume que interveu con dilixencia e certa precaución para desviar a conversa cara a outros temas, aclarando, iso si, que non estaba de acordo con ela, pero que non era o momento de discutir sobre o tema. Se cadra, esta prudencia docente a alumna viuna coma unha confirmación de que as súas preferencias políticas, por lles chamar algo, tiñan un aquel de provocación diante da profe e o resto da clase.
Lembrei isto porque estes días se publicou unha sondaxe que recolle datos máis ca preocupantes na mocidade, onde o partido da extrema dereita apaña o apoio dunha parte ben significativa de votantes entre os 18 e os 34 anos. A cousa aínda se supera por xénero, porque a testosterona acáelles máis aos homes cás mulleres.
O certo é que un se pregunta que diaño estamos a facer mal como sociedade para que se abran estas posibilidades tan perigosas, amais dunha estendida desafección política que conduce á abstención. Poida que a mocidade dos nosos días xa vexa a democracia como algo inamovible e acepte a atracción populista deses discursos tan simples que se espallan polas redes sociais e deberían ridiculizar non só a quen os di, senón a quen os escoita sen ningún tipo de espírito crítico.
Recoñezo que me poñen medo estas cousas que se escapan á miña comprensión e me resultan tan incribles coma o feito, confirmado estes días, de que o propio Santiago Abascal, máximo líder do partido Vox, seica estudou galego cunha nosa profe amiga, algo tan contraditorio coma o da opción política que libremente expresou a rapaza boirense.