Proxectos de éxito foron postos en común
27 mar 2025 . Actualizado a las 20:16 h.¿Están as políticas culturais da Xunta en sintonía coas tendencias actuais, camiñan na mesma dirección que noutras comunidades autónomas?. Estas son cuestións que avalía e ás que intentará dar resposta o Consello da Cultura Galega mediante a redacción dun informe sobre o dereito de acceso á cultura e á participación en Galicia. Para chegar a conclusións, o primeiro paso é analizar os parámetros que entran en xogo e, precisamente, ese é o labor que comezou onte no pazo de Goiáns cunha primeira xornada na que se expuxeron distintos proxectos.
A coordinación correu a cargo do técnico cultural de Boiro e integrante do consello Alberto García, e tivo como mediadoras a Branca Albán, Natalia Balseiro e Encarna Lago. Entre os participantes, membros de iniciativas culturais xurdidas da sociedade civil que contan cunha amplísima participación. Así, expuxéronse os casos do Feirón Mariñeiro de Rianxo, a Festa da Dorna de Ribeira e a Romaría das Letras en Boiro. Tamén houbo asistencia de integrantes de proxectos de fóra da comarca, como Castelo Conta, Contos do Mar, Escora Danza, Pasabodeghas ou o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT).
Poñer en valor
Unha vez rematada a sesión, Alberto García debullou algún dos aspectos avaliados durante esta primeira sesión de traballo, á que seguirán outras tres en distintas localizacións. Manifestou que se busca avaliar se a Administración galega está na mesma liña, en canto ás políticas do dereito de acceso á cultura, que outras comunidades, como a navarra ou a canaria, e ata que punto.
Os asistentes debateron sobre se está a cumprirse este dereito e as facilitades da xente para o acceso, tendo en conta aos cidadáns que residen en zonas rurais e os que o fan en grandes cidades.
Alberto García indicou que a Xunta ten en marcha unha lei sobre o dereito á cultura accesible e inclusiva e que a Deputación ten un programa de debate e acción denominado A cultura é un dereito.
A posta en común destes aspectos, tendo en conta tamén casos prácticos, proseguirá en vindeiras sesións de traballo para, na recta final do ano, elaborar un informe e presentarllo á Xunta.
O encontro de Boiro tivo lugar no emblemático pazo de Goiáns e os asistentes tiveron a oportunidade de percorrer o lugar e comprobar a recuperación do patrimonio levada a cabo polo Concello de Boiro.