María Lago: «O mar de ardora converteuse este ano nun produto turístico máis de Carnota»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

CARNOTA

Mar de Ardora e Via Láctea desde a praia de Boca do Rio, en Carnota
Mar de Ardora e Via Láctea desde a praia de Boca do Rio, en Carnota Ana Garcia

Turismo a toda costa | O fenómeno de microalgas que emiten luz aumentou a fama da praia galega máis longa

10 sep 2020 . Actualizado a las 15:59 h.

Non foi un gran verán a nivel turístico, pero houbo determinados territorios galegos que conseguiron salvar a temporada a pesar da irrupción do covid. Os que ata agora eran os grandes descoñecidos, sen case infraestrutura hoteleira e cunha poboación diseminada en aldeas e pequenos núcleos, pasaron a estar entre os destinos máis demandados. Foi o caso de Carnota. E María Lago, técnica de Turismo do Concello desde o 2016, fai un balance altamente positivo da tempada estival.

-A que atribúe o éxito que tivo Carnota este verán?

-Principalmente a que a xente buscaba lugares tranquilos, espazos abertos, rutas de sendeirismo, praias grandes... e Carnota ten todos os ingredientes para ser un destino seguro fronte ao virus. Aquí temos moita oferta de vivenda turística e os núcleos están dispersos. Os datos que recollemos na oficina de turismo non son dos máis elevados, porque non houbo fluxo de autobuses nin excursións, pero aumentou considerablemente a demanda de aloxamentos turísticos e a presenza de autocaravanas.

-A praia de Carnota exerceu de grande imán...

-Si, porque a xente buscaba distanciamento social, cando antes prefería praias urbanas que contaran con todo tipo de servizos e mesmo con chiringuito. Tamén nos axudou toda a publicidade que se lle deu ao areal de forma allea ao Concello, a través da prensa, de revistas especialidades e das redes sociais. A praia de Carnota foi protagonista durante todo o verán.

-Que ten esta praia, ademais dos seus sete quilómetros de lonxitude, para espertar tanto interese?

-Toda a praia ten un grande atractivo a nivel paisaxístico, pero a zona de Boca do Río, na desembocadura do Valdebois, é espectacular. Alí hai unhas formacións rochosas impresionantes e cando baixa a marea fórmanse pozas que constitúen un atractivo, sobre todo para os máis pequenos. A area é moi branca, e as augas, turquesas.

-E en agosto chegou o mar de ardora para redondear a estampa da praia de Carnota...

-É un fenómeno que se pode percibir case sempre entre agosto e setembro, pero nesta ocasión déuselle máis publicidade. O mar de ardora converteuse este ano nun produto turístico máis de Carnota porque houbo unha serie de fotógrafos, profesionais e afeccionados, que se fixeron eco a través das redes sociais. Foron moitas as consultas que recibimos na oficina de turismo, o que pasa é que non é un fenómeno que se poida predicir con antelación.

-Aínda se poderá volver a ver este verán?

-Polos antecedentes que hai, pode aparecer entre xullo e setembro, así que é posible, pero teñen que ser xornadas de temperaturas altas, nas que cheguen á costa as microalgas que emiten esa luz.

-Despois do ocorrido este verán, como ve o futuro de Carnota a nivel turístico?

-Foi moita a xente que veu por primeira vez e que marchou con idea de repetir. Penso que, neste sentido, o turismo está cambiando e xa non é o de antes, cando se optaba por ir cada verán a un destino diferente. Creo que o éxito de Carnota veu para quedar, porque temos un produto de calidade e unha gastronomía que, no que á relación calidade e prezo se refire, é única. Ocorre en toda a Costa da Morte e constitúe o 50 % do éxito desta zona. A maiores, ofrecemos un paraíso por descubrir, cunha natureza en estado puro.

-Hai temor a unha masificación no futuro?

-A Costa da Morte ten que seguir apostando polo turismo sostible. Non temos que se ambiciosos e querer cantidade fronte a calidade, porque podemos morrer de éxito.

-Como se presenta a tempada de outono e inverno?

-Carnota ten moito potencial, pero é certo que os números din que no inverno a cifra de turistas non chega a ser nin un terzo da que se rexistra no verán. A loita foi sempre a de lograr esa desestacionalización, porque sabemos que o verán é garantía de éxito. É un reto difícil, porque aquí o tempo non axuda.