Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

O San Roquiño volve demostrar que Tállara é sinónimo de festa

LOUSAME

CARMELA QUEIJEIRO

Os veciños de Lousame deron inicio a seis días de celebracións por todo o alto

28 sep 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Onte en Lousame respirábase o ambiente das grandes ocasións. O recendo a comida que escapaba das casas, a cantidade de coches estacionados en beirarrúas e fincas habilitadas como aparcadoiros, as bombas de palenque, o barullo e os veciños vestidos coas súas mellores galas daban conta de que non era un domingo calquera. Era o primeiro día das súas celebracións máis populares, as de San Roquiño, e os habitantes da parroquia volveron demostrar que Tállara é sinónimo de festa participando en todas cantas actividades se organizaron durante a xornada.

Ás oito da mañá lanzouse a primeira remesa de bombas de palenque que anunciaba o comezo de seis días de festexos, e o grupo de gaiteiros Os Salgueiriños encargouse de acabar de espertar aos máis preguiceiros coa alborada, así que, cando chegou o momento da misa cantada, todo o mundo estaba xa nos arredores do campo da festa preparado para o que quedaba de día.

A capela quedou pequena para os oficios relixiosos, como se puido comprobar no momento no que saíu a procesión na honra de San Roque. Tampouco sobraba o sitio nun campo da festa ateigado no que compartían espazo dúas barras nas que se arremuiñaban os veciños para tomar un refrixerio mentres agardaban o inicio da sesión vermú, unha polbeira na que algúns xa picaban algo para tapar o burato que a esas horas xa comezaba a facerse notar no estómago, os gaiteiros e o palco da orquestra Nueva Generación.

Primeiros acordes

Un sol espléndido, máis propio do comezo do verán que do outono, lucía no máis alto cando rematou o desfile dos santos e volveron ao interior da capela acompañados por unha gran tirada de bombas de palenque. Nas celebracións de San Roquiño non escatiman en pólvora, ni en ganas de festa, así que, mentres esperaban a que orquestra comezara a tocar, os pés máis inquedos empezaban a moverse ao son da música dos gaiteiros de Os Salgueiriños.

Eran as tres menos cuarto da tarde cando se levantou o telón de Nueva Generación e soaron os primeiros acordes ante un público que parecía non ter présa ningunha por marchar para a casa para dar conta dos banquetes que, a bo seguro, se estaban preparando nos fogares de Tállara. Era o primeiro día e as forzas e as ganas de festa estaban intactas.

Tendo en conta a hora á que comezou a sesión vermú, os veciños máis festeiros tiveron que apurar a comida para seguir cos actos previstos no programa, que pola tarde estiveron dedicados aos máis cativos. Na pista do Sanguiñal dispuxéronse inchables e xogos para os rapaces, de maneira que non quedou outra que levar aos nenos ata alí para que gozaran do seu momento.

Campionato de chave

Ao programa dos festexos sumouse ademais unha nova actividade: o campionato de chave, que se disputou nun terreo de xogo habilitado na do Panadeiro.

Rematada a competición, só quedaba agardar a que a música volvera soar da man das orquestras Nueva Generación e Panamá, encargadas da verbena.