Quen pintou os versos que engalanan pasos de peóns e paredes en Ribeira e Muros?

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

MUROS

CARMELA QUEIJEIRO

As dúas vilas apareceron cheas de coñecidas rimas de escritores galegos

13 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Un misterio flota desde hai uns días nas rúas de Ribeira e Muros, chegando aos faladoiros de bares e prazas e tamén, como non podía ser de outro xeito, ás redes sociais nas que dun tempo a esta parte se busca resposta a todo tipo de preguntas. Quen está detrás dos versos que apareceron pintados en paredes e pasos de peóns? Dun día para outro, coñecidas rimas de escritores galegos xurdiron nestes improvisados soportes para alegrar a vista dos veciños destas dúas localidades barbancesas, xerando unha gran expectación.

A iniciativa tivo moi boa acollida e a maioría das voces que arrancou aplaudírona. «Fomos ficando sós o mar, o barco e máis nós», de Manuel Antonio; «Aí ven o maio de frores cuberto», de Curros Enríquez; ou «Os bos e xenerosos a nosa voz entenden», de Eduardo Pondal, son algúns dos versos cos que, grazas ás pintadas, se están familiarizando estes días ribeirenses e muradáns.

Seguro que moitos deses veciños pensaron nos seus respectivos concellos á hora de sinalar cara un responsable, mais están equivocados. A idea tampouco partiu da Xunta de Galicia nin da Deputación, pese a que non se cingue só a estas dúas localidades de Barbanza, senón que se estende a outras como Ordes, Betanzos, O Barco, A Coruña, Lugo ou Carballiño.

Campaña publicitaria

Do contido das pintadas pode deducirse que están vinculadas coa inminente conmemoración do Día das Letras Galegas, o vindeiro martes, algo que é correcto. Pero, se non foi unha Administración a que as realizou, de quen partiu a idea? As rimas forman parte da campaña publicitaria dunha empresa, que contou coa necesaria complicidade dos concellos afectados. Estes tiveron que autorizar a transformación dos pasos de peóns e muros, ao tempo que colaboraron a nivel loxístico, pois as obras foron realizadas pola noite, implicando en algúns puntos a participación das policías locais.

No convenio que asinaron os alcaldes de Ribeira e Muros, que viron nesta iniciativa unha forma axeitada de poñer en valor a cultura galega, figura un compromiso de confidencialidade, segundo o cal, non poden descubrir a identidade da empresa, que busca así beneficiarse do efecto sorpresa.

Pero xa queda pouco para que o misterio sexa desvelado. Está previsto que o nome da firma e os detalles da campaña se dean a coñecer o vindeiro día 17.