O veciño de Noia foi profeta na súa terra na presentación do seu libro «Camiño á lagoa dos bardos»
01 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.De Manel Monteagudo pódese dicir que viviu dúas vidas. A primeira, desde que naceu en 1957 na aldea outense de Cando ata que entrou nun deserto o 28 de febreiro de 1978; e a segunda, a actual, desde que saíu do deserto, no 2015, ata o día de onte, ou de hoxe, ou de mañá... porque cada xornada que pasa é para el un canto á vida, como lle ocorre aos nenos que van descubrindo cousas ao compás do seu desenvolvemento humano. E antonte compareceu ante os seus veciños, os noieses, no acto mensual de Barbantia que coincidía co 42 aniversario do feito máis transcendental da súa existencia: o accidente que sufriu en Basora que lle ocasionou unha inconsciencia por espazo de 35 anos.
Tralo seu espertar, hai un lustro, atopou na escrita a súa táboa para conectar de novo co mundo, e froito dela é o libro Camiño á lagoa dos bardos, que se presentou o venres ante numerosos noieses, co seu alcalde, Santiago Freire, á fronte.
O tamén noiés e escritor Xerardo Agrafoxo fíxolle unha entrevista pública arredor da súa vida, porque se a súa obra de máis de 300 poemas é asombrosa -como dixo Antón Riveiro Coello, hai contrastados poetas que non xuntan tantos en toda a súa traxectoria vital-, máis o é a súa existencia: como se transforma de mariño mercante en escritor, cunha longa travesía polo mesmo deserto que Laura, a protagonista do libro Laura no deserto do mesmo Riveiro, que deixou tal pegada en Monteagudo que foi unha das claves do comezo da súa traxectoria literaria.
Riveiro contou como coñeceu a Monteagudo na presentación dun libro en Vigo, e como, cando lle comentou que estivera 35 anos en estado de inconsciencia, lle sinalou que Laura estivera corenta, polo que lle recomendou a lectura do volume. Monteagudo confesou que adquiriu toda a obra do limiao asentado en Boiro, ao que profesou admiración e amizade.
Cheo de emocións
O acto estivo cheo de emocións e recoñecementos, ao estar protagonizado por unha gran e afable persoa, o autor da obra, e as súas sinxelas confesións coas que quedou espido ante o público, un encontro cunha nova poesía que, circunstancialmente, conviviu con outra histórica, a de Rosalía de Castro, recitada pola non menos sorprendente memoria de Ana Blanco, que non precisa ler os versos da padronesa xa que están forxados no seu cerebro, como evidenciou nos primeiros instantes da presentación, trala mestra interpretación musical de Claudia Fernández á guitarra, coa que se abriu.
Pero o protagonista era Manel Monteagudo e a súa obra, e non defraudaron, porque, por unha banda, a directiva de Barbantia María Xesús Blanco encargouse de dar lectura a dous dos seus poemas, un dedicado á terra e outro á vila de Noia; e Antón Riveiro debullou as súas temáticas, nas que destaca o mar sobre todas, pero sen renunciar aos temas que lle preocupan; mentres que Agrafoxo afondou na traxectoria de Manel Monteagudo, quen deixou claro que está a traballar no libro da súa vida, e tanto nun -o libro- como na outra -a vida-, a súa dona é clave, especialmente neses 35 anos que, como Laura, atravesou un deserto.
Pechou o acto o alcalde de Noia, Santiago Freire, agradecendo a lección vital e de superación que da Manel Monteagudo co seu asombroso espertar literario, que vai ter continuidade.
A tamén noiesa Ana Blanco recitou de memoria poemas de
Rosalía de Castro