Tempo de sardiñadas

NOIA

Bernardo Codesido

17 jun 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Cada momento do ano ten o seu manxar asociado e arredor do san Xoán lémbrase aquilo de que a sardiña molla o pan, invitándonos a non pasar por diante da peixeira sen coller a nosa ducia delas para poñer sobre as brasas, a ser posible sardiñas das rías, e iso non é ser chauvinistas, pois segundo nos conta Murguía, xa no século XVI, o licenciado Molina dicía que a mellor sardiña do reino era, concretamente, a de Noia «porque habiendo ésta no se despacha otra». Ou como cantan os de Treixadura, para sardiñas Aguiño e para bolo Castiñeiras. Pero a sardiña, caprichosa ela, non sempre vén por estes lares, ou visítanos cando non está en sazón.

O caso é que uns anos porque hai moita calor e outros porque hai moito frío non sempre abunda, e se unhas veces lle botaron a culpa ó xeito, outras foi que non se debía andar á ardora. Logo, coa chegada dos cataláns, xa era por culpa da xávega, unha rede que de tan longa dicíase que estaba acabando co mar, e por iso, aló por principios do pasado século, cando unha desas crises pesqueiras invadiu as costas galegas, os pescos cantaban contra a cobiza dos fomentadores que usaban esas redes preguntando, cando non haxa sardiña/ ¿que farán os cataláns?/ andarán pola ribeira/ tirándolle pedras ós cans.

Moitas veces temos lembrado aquela carta que o mestre de Palmeira don Ignacio Martínez publicou en outubro de 1882 en La Voz de Galicia, queixándose de que aquel ano, dada a escaseza de sardiña, os seus veciños veríanse abocados á emigración ou a navegar na mercante. E podemos dicir que nesta vila, como en toda a Barbanza, a historia económica do pasado século comezou con aquel augurio de don Ignacio, pois aínda cando a sardiña volveu a visitar as nosas rías, os que colleran a maleta tiñan a menos retornar para botar as redes.

Crises de sardiñas hainas documentadas desde os tempos de Felipe II, e sempre se tivo en mente algún culpable, xa fose unha arte desproporcionada, unha extracción abusiva e ata dalgún castigo do ceo por mal comportamento se ten documentado nas crónicas, e se se fai tanto fincapé nela, era por ser un peixe doado de conservar e de preparar, pero tamén, cando entraba en abundancia, podía ser tanta que os consumidores queixábanse de que non había sal que chegase para lañalas. Así, unhas veces por moito e outras por pouco a caprichosa sardiña quitounos moita fame, foi o pan noso de cada día, ese que Picadillo nos ensina a preparar coas dúas ducias de receitas que recolleu no seu libro de cociña.

Volvendo ó noso tempo, hai uns anos, a culpa de non haber suficientes para celebrar o san Xoán levábana os portugueses, que unha semana antes celebran o seu santo Antonio con tantas ou máis sardiñadas ca nós, pero como as técnicas previsoras xa veñen de moito antes de que Xosé lle aconsellase ó faraón gardar das risas para as choras, moita da sardiña que hoxe degustamos vén conxelada e en contedores de fóra de Galiza. E iso nótase, porque o que si é seguro é que todos somos verdadeiros catadores de sardiñas, dende notar cando está moída, cando non é fresca, cando está seca ou cando non está ben asada.