Eduardo Moledo: «Aquí non hai nada escrito, cada lume e cada accidente son moi distintos»

Ana Lorenzo Fernández
Ana Lorenzo RIBEIRA / LA VOZ

NOIA

Eduardo Moledo comezou a colaborar como voluntario de Protección Civil cando apenas tiña 16 anos
Eduardo Moledo comezou a colaborar como voluntario de Protección Civil cando apenas tiña 16 anos MARCOS CREO

O xefe do servizo de emerxencias de Noia sinala que o traballo cambiou moito nestes anos e que fai falla máis persoal

17 mar 2024 . Actualizado a las 11:46 h.

Os seus comezos foron como voluntario, porque Eduardo Moledo (Noia, 1960) é desas persoas ás que sempre lle gustou botar una man. Pouco a pouco aquel pequeno equipo de Protección Civil foi collendo entidade, logo chegou o grupo de emerxencias municipal e hai uns anos constituíse o GES. Sinala que non ten tempo para aburrirse e cada día segue aprendendo, «porque aquí non hai nada escrito, cada lume e cada accidente son moi distintos».

—Comezou con só 16 anos en Protección Civil, como cambiou o traballo en todo este tempo?

—Moitísimo. Eramos uns nenos cando comezamos a axudar coa subida ao Iroite que facía a Escudería Berberecho. Logo, sempre recordo unha vez que dicían que ía romper a presa do Tambre porque houbo unhas subidas moi grandes de auga e apareceron unhas gretas. Tivemos que evacuar a moitos veciños das zonas baixas de Noia e trasladalos aos polideportivos e ás casas de familiares. E logo veu outra aínda máis forte, o Casón. Tivemos desprazados de toda a Costa da Morte que mandaron para aquí.

—E ademais estaban os incendios e os accidentes de tráfico.

—Si, porque antes non había nada no Barbanza, eramos os únicos. Había un incendio nunha casa en Ribeira e íamos nós, ou se ocorría un accidente de tráfico tamén nos chamaban. Non existían aínda os parques de bombeiros, que parte do persoal dos que están agora saíron do servizo de emerxencias de Noia.

—Cantas persoas integraban ese primeiro servizo?

—Ao principio como profesional estiven eu só. Logo saíu o tema dos obxectores de conciencia que non facían a mili e cheguei a ter ata 60 persoas. Era dos que me valía. Desa recordo que tivemos moito traballo cos accidentes de tráfico porque cos coches novos, cando hai un golpe, encartan para minimizar o impacto e a xente queda atrapada. Non tiñamos material para sacala, íamos cunhas palancas para sacar as chapas. Eu insistín á Xunta que precisabamos un equipo de excarcelación, que finalmente chegou co Xacobeo. Fomos o primeiro equipo de emerxencias que o tivo, e temos ido con el ata Santa Comba para liberar a xente.

—O peor deste traballo son os accidentes?

—Si. Cando se estreou a vía rápida do Barbanza houbo cantidade de accidentes e de mortos. Cansei de sacar xente de aí. Xa tiña pensado montar unha tenda de campaña e quedarme aí porque eran continuos. O quilómetro 17, a curva de Vilas en Rianxo, era criminal, houbo moitísimos sinistros. Os peores momentos que pasei nestes anos foron cando morreu algunha persoa nun accidente e era coñecida.

—O derradeiro paso foi crear o GES, como foi o cambio?

—Un novo avance. Agora no GES somos todos os grupos de 12 persoas e hai algúns concellos onde están partidos á metade. Pero penso que deberiamos ter máis persoal, porque se hai unha baixa ou cando son vacacións, vémonos un pouco asfixiados para cubrir as gardas.

—E agora tamén ampliaron a súa área de actuación?

—Hai un ano tiñamos fixados unha serie de concellos, e nós cubríamos Noia, Lousame e Porto do Son. Pero iso cambiou radicalmente e agora faise por isocronas, é dicir, vai o grupo que está máis preto do lugar do accidente ou do incendio. Antes, aínda que Outes está a dous quilómetros, tiñan que vir os de Muros a un accidente porque lles tocaba a eles. Agora xa nos chaman a nós, e ademais metéronnos tamén a parte norte de Mazaricos e unha zona de Negreira.

—E contan sempre coa colaboración dos bombeiros.

—Eles veñen sempre, sobre todo cando hai algo máis grave, un accidente con atrapados ou un incendio importante; se é un suceso máis pequeno xa vai só o noso equipo. Para nós contar cos bombeiros é un reforzo grandísimo, porque eles son tres e nós dous e xa facemos un grupiño bo e apoiámonos uns aos outros.

«Cantas máis raíñas matemos agora, menos niños vai haber»

Este inverno estivo bastante movido para o servizo de emerxencias de Noia pola sucesión de trens de borrascas. Eduardo Moledo sinala que «foi moi duro, porque tivemos outros nos que non traballabamos tanto. Tamén o ano pasado a temporada de incendios foi bastante tranquila, pero hai outras que non dás feito. Botas días enteiros no monte e parece que ata nin vives».

—Esperan que este verán sexa igual?

—Igual ou incluso mellor. Xusto estamos preparando un proxecto novo, para facer mapas de todos os núcleos do concello e indicar con liñas todas as fincas nas que teñen que limparse eses 50 metros das franxas de protección. A idea é colgar eses carteis e avisar aos veciños de que teñen ata o 31 de maio para limpalas, e que se non o fan poden ser sancionados. O que queremos é concienciar á xente para que saiba que é o que debería estar limpo no seu entorno para previr os incendios.

—Acaban de iniciar a campaña contra a velutina, como vai?

—Desde hai uns anos facemos unha campaña preventiva, porque cantas máis raíñas matemos agora, menos niños vai haber. Se colles trescentas agora, serán trescentos niños menos. Nós facemos as trampas e repartímolas entre os veciños e logo levamos un reconto das que recolleron en cada unha delas para saber en que zonas hai máis incidencia. Queremos sacar uns bandos para que a xente colabore con esta campaña e poder diminuír a súa incidencia.

—Dentro dun ano deixará o servizo de emerxencias, que vai facer despois?

—De momento, aínda me quedan tres anos máis de presidente da agrupación de Protección Civil de Noia e o que quería é seguir co tema da formación e da prevención. Eu quero continuar dando clases e teño na mente que todo o mundo saiba utilizar un DESA (desfibrilador automático). Pretendo que, se un día pasa algo, o maior número de veciños poida saber empregalo para salvar unha vida.