Un relato do noiés Agustín Agra resulta gañador do certame literario Avilés de Taramancos

La Voz RIBEIRA

NOIA

Agustín Agra.
Agustín Agra. MARCOS CREO

O escritor levouse o premio co seu relato «O trebón do norte»

26 dic 2024 . Actualizado a las 16:20 h.

A vixésimo terceira edición do certame literario Antón Avilés de Taramancos xa ten gañador. O escritor e profesor noiés Agustín Agra fíxose coa distinción co seu relato O trebón do norte. A resolución deuse a coñecer na casa da cultura de Noia a través de lectura da acta do xurado, composto polo concelleiro José Pérez, Antonio Piñeiro, Ismael Ramos, Ana Romaní e Olga Lombaría, esta última con voz, pero sen voto.

O edil foi encargado de emitir o veredicto dun certame dotado cun premio económico de 3.000 euros. Despois de anunciar o relato gañador, os membros do xurado descubriron o nome do autor, xa que o texto debía ir sen firma para evitar calquera tipo de suspicacia.

Nada máis descubrir ao gañador, contactouse con el para notificárselle a resolución. A previsión é que a cerimonia de entrega do premio, que ademais do factor económico inclúe a publicación do relato da man da editorial Toxosoutos e unha escultura elaborada por Alfonso Costa, terá lugar antes do próximo verán. En canto a Agustín Agra, suma unha nova distinción á súa dilatada traxectoria literaria. De feito, este mesmo ano fíxose co certame de narración curta Ánxel Fole, organizado polo Concello de Lugo, da man coa súa obra Livro das contrárias, publicada pola editorial Xerais.

Durante a súa intervención tras facer público o fallo, o concelleiro de cultura de Noia, José Pérez, puxo en valor o nivel do concurso, no que considera que edición tras edición acumúlanse maiores talentos procedentes de distintos puntos de Galicia.

Premio consagrado

Por outra banda o edil destacou ao Antón Avilés de Taramancos coma un premio consagrado no calendario cultural noiés. Fixo referencia ás 23 entregas que cumpriu neste 2024 e na cantidade de grandes autores que foron recoñecidos.

En canto a iso, tamén lembrou o ocorrido no 2022, cando o xurado deixou deserto o premio porque ningunha das propostas reunía as esixencias.