Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

«Cando me sinto angustiado é porque non vexo clientes»

J. M. Sande OUTES

OUTES

Entrevista | Juan Otero Ramos Aínda que desexaría pasar o Nadal coa familia, recoñece que goza vendo á xente feliz mentres el está traballando

19 dic 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

A hostalería en Outes goza dun merecido prestixio entre os habitantes da zona, que con frecuencia acoden á vila a comer. Iso posibilita que estean abertos uns vinte restaurantes nos que se poden degustar mariscos, peixes, carnes e produtos da horta. Juan Otero é un dos máis recoñecidos hostaleiros. -¿A que se debe a sona que teñen as casas de comidas de Outes? -Coido que dende hai tempo se traballa con bo produto, conséntese ao cliente e ofrécese un trato familiar. Todos os locais teñen prezos competitivos e renovan a súa oferta, mesturando a cociña tradicional con novas incorporacións. -¿Hai competencia entre os locais da vila? -Si, pero non rivalidade, nin malas formas. Non minto se digo que recomendo outros locais aos meus clientes. Á nosa casa veu xente que nos dixo que lle falaron de nós noutras casas de comidas. Coido que é bo que haxa competencia, pois cada quen tentará mellorar para non quedarse illado. -¿Como é posible que en Outes sempre haxa moitas ceas os fins de semana e noutros sitios apenas haxa comensais? -É certo que en Outes hai costume de saír coa familia a cear, pero moitos dos clientes proceden dos concellos limítrofes. A causa habería que preguntárllela a eles, pero creo que a variedade de menús e a relación calidade e prezo teñen moito que ver. -¿É moi sacrificado o traballo na hostalería? -O traballo que facemos é intenso. Quen non se sinta a gusto neste oficio ten que deixalo, pois require gran dedicación. Eu sempre me sentín ben detrás do mostrador. Cando me sinto angustiado é porque non vexo clientes. Sería conveniente dispor de máis descansos, pois o esgotamento é grande. -Vostede rexenta un local de copas, ¿que conta da xuventude outiense? -A mocidade sempre é bonita, e a de agora é mellor que as anteriores. Hai máis cultura e iso nótase no trato. Que ás veces fan barullo, benvido sexa, porque denota vitalidade e gañas de vivir. Outes é un lugar habitual de concentración de mozos. Témola sorte de que mantemos un nivel aceptable de clientes. -¿Compensa o traballo que realizan durante o Nadal? -Estas festas son moi esperadas pola hostalería, pois a xente sae máis, hai reunións familiares e de empresa, e a nós favorécenos. É certo que moitas veces desexarías un Nadal en familia, pois case non lembras como é iso. Con todo, faste á idea de que os teus clientes xa forman parte da túa estirpe, e gozas véndoos felices.