
As medidas para conter o coronavirus obrigan ás vendedoras a botar man das redes sociais como alternativa
20 mar 2020 . Actualizado a las 11:32 h.En tempos de crise como a que estamos a vivir, a inventiva sae a relucir. É o caso de varias veciñas da localidade de San Cosme, en Outes, que decidiron poñer á venta o emblemático produto estrela da zona, o ceboliño, a través das redes sociais.
A iniciativa xurdiu tralo anuncio do goberno central de prohibir as feiras e mercadiños, polo que a resposta veciñal non se fixo agardar: «Ao non poder ir vender a Noia, decidiron aproveitar as redes para anunciarse», comentaba a filla dunha delas, que preferiu manterse no anonimato.
Non é a primeira vez que estas veciñas deciden vender o ceboliño deste xeito, tal e como apunta unha delas. O sistema que empregan intenta asegurar que non exista ningún tipo de contacto e polo tanto, minimizar as posibilidades de contaxio.
Deste xeito, os interesados contactan vía telefónica con algunha das veciñas para facer o pedido, que unha vez realizado disponse no exterior da vivenda para que o solicitante pase a recollelo e deixe os cartos correspondentes. Ao recoller a contía, a desinfección das mans é prioritaria, especialmente entre un sector da poboación catalogada como de risco.
Por este motivo, os familiares destas vendedoras toman tódalas precaucións necesarias, tal e como comentaron: «Da casa non se move ninguén e, cando veñen recoller os pedidos, mantemos unha distancia mínima de dous metros».
Nin na Guerra Civil
A presente situación non é doada para ninguén, pero especialmente faise dura para estas vendedoras de San Cosme, acostumadas a acudir á feira de Noia para vender os seus produtos e «xuntarse coa xente», algo que nestes días é imposible facer.
Entre as máis veteranas aseguran non recordar unha situación semellante, nin sequera durante a Guerra Civil.