Esther Carrodeguas, Museo Valle-Inclán e Sonia Lebedynski, candidatos a Sereos

Ramón Ares Noal
M. ARES RIBEIRA / LA VOZ

OUTES

carmela queijeiro

Compiten con Enrique Paisal, Ana Blanco, Terra de Outes, Cofradía da Dorna, Clodio González e Manuel Olveira

07 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A Asociación Cultural Barbantia vén de poñer en marcha os premios Sereos da cultura, que acadan a súa edición número 15. Como é costume, os dous finalistas da edición anterior non galardoados compiten na deste ano, cuxas novidades son as incorporacións de Esther Carrodeguas, o Museo Valle-Inclán da Pobra e Sonia Lebedynski. O 19 de decembro, ás 12.30 horas, en Rianxo, darase a coñecer o veredicto, pero antes hai que votar.

Na categoría da Traxectoria Cultural no Barbanza figuran o músico de Palmeira Enrique Paisal; a noiesa Ana Castro, especialista en Rosalía de Castro; e a rianxeira Esther Carrodeguas, unha poliédrica muller.

En Iniciativa Cultural no Barbanza, os socios deberán pronunciarse por algunha destas tres opcións: Asociación Cultural Terra de Outes, a Real e Ilustre Cofradía da Dorna e o Museo Valle-Inclán da Pobra.

En Cultura Galega 2020, o etnógrafo Clodio González e o artista Manuel Olveira veñen do 2019 e terán como rival incorporada nesta convocatoria á cantante Sonia Lebedysnki.

 

Procedemento

Pódese votar por correo ordinario, enviando a papeleta á sede de Barbantia situada no Centro Social de Boiro, ou electrónico, ás direccións barbantia@barbantia.es ou pastor@barbantia.es antes do 6 de decembro. Tamén é posible participar depositando a proposta nos actos que se desenvolvan antes do peche do prazo, aos que a entidade desprazará unha urna.

Por outra banda, nas papeletas que van recibir os socios hai apartados para incorporar propostas para a seguinte edición.

A entrega dos premios farase coincidir coa saída do décimo sexto Anuario de estudos do Barbanza, nun lugar aínda por determinar, pero previamente, o 27 de mes, presentarase en Noia o libro Noia e Muros. Paisaxes urbanas de séculos. Da destrución á ordenación, protección e rehabilitación da paisaxe construída (1950-2020), de Pedro García Vidal.

Os candidatos

 Enrique Paisal

Foi fundador da orquestra Los Tamara, director da escola de música de Ribeira e de corais como a municipal.

Ana Blanco

Vicepresidenta da Fundación Rosalía de Castro, está especializada na poeta de Padrón.

Esther Carrodeguas

Escritora, actriz, dramaturga, foi directora do grupo de teatro Airiños de Asados.

Terra de Outes

Unha das entidades culturais máis activas da bisbarra, desenvolve un longo programa na súa vila.

Cofradía da Dorna

Organizadora da popular festa de Ribeira, desenvolve tamén accións solidarias.

Museo Valle-Inclán

Contén numerosos obxectos do escritor e promove todo tipo de actividades sobre o mesmo.

Clodio González

Está á fronte da dirección da editorial Toxosoutos e é un dos grandes especialistas en etnografía galegos.

Manuel Olveira

Escritor e crítico de arte, dirixe o Museo de Arte Contemporáneo de Castilla y León.

Sonia Lebedynski

Foi integrante de Fía na Roca e agora faino en solitario con temas en galego.