Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

«Houbo un tempo no que non había festa na redonda sen a banda de Caamaño»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

PORTO DO SON

SIMÓN BALVÍS

20 oct 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Se hai un apelido estreitamente ligado á banda de música de Caamaño, a terceira máis antiga de Galicia, ese é Olveira. Foi un membro desta saga, Francisco, o que a fundou alá polo 1912. Un fillo deste colleu despois a batuta, ata que as consecuencias dun disparo recibido na guerra o obrigaron a abandonar. Relevouno o seu irmán, Francisco Olveira Santos. Corría o ano 1968. Desde entón ata agora, este veciño de Xuño dedicouse de cheo a garantir a continuidade da agrupación e a estender a semente musical polo municipio sonense.

Se bota a vista cara o pasado, Olveira sempre se ve pegado a un instrumento musical: «Antes de entrar na banda, onde coincidimos tres irmáns e meu pai, eu xa estivera no barco correo San Roque, onde tocaba o acordeón e o clarinete». Logo, por tradición familiar e tamén por afección, tocoulle facerse cargo dunha agrupación que contaba cunha vintena de integrantes. Eran bos tempos para a música de cámara: «Daquela tiñamos moitos éxito. Agora hai moitas agrupacións de gaitas e moitas orquestras para amenizar as celebracións, pero houbo un tempo no que non había festa na redonda sen a banda de Caamaño».

Loxicamente, ao longo de todos estes anos, foron moitas as anécdotas que pasaron a engrosar as memorias deste apaixonado da música, pero houbo momentos que foron especiais: «Cando iamos tocar a Santiago xunto con outras bandas, había miles de persoas véndonos. Dá gusto que o público che anime e tamén escoitar as bandas de outros lugares».

Agochados nos panteóns

Pero non todo foron acontecementos positivos. Coa banda que ven de celebrar o seu centenario, Francisco Olveira tamén pasou algún que outro momento comprometido: «Unha vez, tocando en San Isidoro, prendeu o lume coas bombas e tivemos que escapar como puidemos. Estabamos ao lado do cemiterio e, como había varios panteóns abertos, houbo incluso quen aproveitou para meterse dentro».

Aínda que polo de agora non se marcou data para deixar a batuta, Olveira é consciente de que, tarde ou cedo, este momento chegará. Confía en que a agrupación continúe sen el: «Non creo que haxa problemas para que alguén asuma o mando». De feito, no seu caso concreto, a continuidade da tradición familiar está garantida. A súa filla Mari Carmen non só forma parte da centenaria agrupación, senón que tamén imparte clases a un grupo de nenos de Xuño, contribuíndo así a crear canteira. Outro fillo máis do director e tres netas integran tamén a formación musical de Caamaño: «Para min é un orgullo, porque foi o que lles souben ensinar».

Non podía ser de outro xeito, pois os fillos e os netos de Olveira naceron e medraron rodeados de pentagramas e sons procedentes de diversos instrumentos. A vivenda familiar, primeiro no núcleo de Corzo e despois en Xuño, foi durante moitos anos, a sede da banda. Era alí onde se xuntaban os músicos para ensaiar ata que abriu a casa de cultura da localidade. Agora, este inmoble é, despois da súa propia vivenda, o recuncho preferido do director da centenaria agrupación. Aínda que entrou en funcionamento a comezos de ano, o músico explica que xa considera o edificio municipal a súa segunda residencia: «Paso moito tempo nela, pois é onde ensaia actualmente a banda. A verdade é que precisábamos un local axeitado para preparar os concertos».

Francisco Olveira

80 anos

Músico

A casa de cultura de Xuño: «Converteuse na miña segunda casa, pois é onde ensaia a banda»