Prendas tinguidas con plantas

Laura Ríos
Laura Ríos RIBEIRA / LA VOZ

PORTO DO SON

CARMELA QUEIJEIRO

O noiés Alfonso Pérez crea fulares ecolóxicos feitos con materiais naturais dende que deixou a ensinanza

20 sep 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A xente ten dereito a perder o tempo, a sentar nunha terraza e ver como pasan as horas diante dunha relaxante cunca de café quente. Non fai falta estar todo o tempo producindo, dunha maneira ou doutra, produtos ou bens intanxibles comercializables.

Dicíao hai non tanto o ex presidente uruguaio José Mujica, «cada vez que ha habido un cambio tecnológico, han aparecido nuevas fuentes de trabajo, pero ahora apareció un fenómeno que sustituye el tejido nervioso… la gente va a vivir más y trabajar menos, y puede ser maravilloso para la especie humana, quién dijo que el hombre es un animal trabajador? Aprendió a hacerlo por necesidad».

Existe un nexo de unión entre este tipo de pensamento e o de Alfonso Pérez, un noiés afincado actualmente en Porto do Son que, aínda que non é nada amigo das tecnoloxías e moito menos da política, si que pensa que as persoas deberían investir o seu tempo en actividades que non lle reporten un beneficio económico «senón pracer persoal». Por iso, dende que se xubilou como profesor de matemáticas pasa as horas elaborando fermosos fulares de teas como o liño e o algodón cuxo fin non é máis que ser feliz mentres as fai: «É unha maneira de manter a mente activa, de sentirme creativo».

Esta aventura artesanal chegou por sorpresa á vida do artista, que aínda que sempre foi un amante da pintura, nunca se lanzara a tinguir teas. Todo comezou cando un día acudiu ao posto que tiña a súa filla Nuria no Círculo de Artensáns da Coruña e veu a uns rapaces que vendían prendas de cores feitas por eles.

Dada a súa importante conciencia ecolóxica, el decidiu levar a cabo o proceso de coloración das teas con produtos 100 % naturais. Para conseguir os diferentes tons, o barbancés utiliza todo tipo de vexetais e ingredientes afastados do sintético, como a auga de remolacha: «Os que máis me custan son os verdes, intenteino con pirixel ou espinacas, pero oxídanse moi rápido e non quedan como me gustaría».

Para fixar as tinturas e que estas non se desvanezan cos lavados, o artista baña cada fular nunha solución composta por vinagre e sal que despois deixa secando á sombra para unha mellor conservación da riqueza cromática. A continuación chega o momento de decorar cada creación con siluetas de follas que van dende os marróns ata os lilas ou os azuis.

Para conseguir plasmar estas formas sobre a tea, o noiés fai longos percorridos polo monte nos que vai seleccionando todos aqueles restos vexetais que lle parecen axeitados. Ao chegar á casa méteos entre libros ben grosos para quitarlles a humidade e, unha vez secos, píntaas coas tinturas naturais que lle apeteza: «Despois uso a prancha de vapor para que a pintura penetre na tea». Outro baño máis de fixador natural, e os fulares xa están listos para ser regalados a familiares e amigos: «Non vendo nada do que fago, penso que sería unha forma de intrusismo laboral para as persoas que si viven de comercializar as súas creacións».

Arte e matemáticas

A pesar de que non as expón en postos ou a través de ningunha plataforma en liña, o certo é que son moitas as persoas do seu entorno que posúan algunhas das prensa creadas por el: «Cando chega o Nadal ou o aniversario de alguén eu sempre teño claro o regalo», comenta sorrindo Pérez.

Preguntado pola relación entre a súa faceta de mestre e a arte, responde que o vínculo entre ambas disciplinas é evidente e ilustra a súa afirmación explicando que os antigos gregos tomaban a razón áurea como unha medida perfecta do equilibrio nunha obra de arte ou estrutura natural.

Corresponde ao número 1.618... e é unha figura alxébrica irracional presente na proporción de elementos tan cotiáns como fermosos, como a cuncha dun caracol ou as nervaduras das follas dalgunhas árbores.

Ademais de investir o seu prezado tempo libre en tinguir teas naturais, o noiés leva anos pintando cadros cuxo estilo define como «impresionismo colorista». Estas obras, colgadas polas paredes do seu salón, que tamén actúa como estudo, son testemuñas da elaboración de pequenos elementos artísticos: colgantes feitos de láminas plásticas sacadas da reciclaxe de antigos discos.