![](https://img.lavdg.com/sc/-Kc_XYp1JlswO7rNV2Y9sDOsVxc=/480x/2024/10/25/00121729877462436978174/Foto/B_20241023_172503000.jpg)
Este peixe, da familia das raias, é moi abundante na ría de Arousa
28 oct 2024 . Actualizado a las 21:15 h.A ouxa é un peixe da familia das raias, común no mediterráneo e tamén nas costas atlánticas entre Irlanda e Sudáfrica. Noutros lugares dáselle o nome de águila de mar, eagle fish, pejerratón, milana, tramana, ratão-águia e mourine. Como todos os peixes desta familia, non ten espiñas senón cartilaxes. Así é quen de moverse con elegante parsimonia nunha danza tan xentil coma o voo das aguias. Por iso en inglés e castelán o nome da especie fai referencia a esta ave.
Habitualmente acada unha envergadura dun metro e un peso de 8 quilogramos pero algúns exemplares chegan aos 180 centímetros 14 quilos, e son as femias notablemente máis grandes que os machos. Para se defender dispón, como moitas outras raias, dun aguillón velenoso na base da cola cuxa picada é moi perigosa e causa de moitas urxencias para os mariñeiros que tentan desenguedellala cando entra nas súas redes.
Con frecuencia as ouxas acoden en grupo aos areais para devoraren o seu marisco preferido, berberechos e ameixas. Despois de cada ataque deixan a praia chea de buratos, coma unha paisaxe bélica despois dun bombardeo. Son tan selectas que depredan especificamente as mellores ameixas e desprezan as demais. Outro dos seus pratos preferidos son os cangrexos e outras especies semellantes, como nécoras e pateiros.
E chegados a este punto asáltanos unha primeira dúbida. As ouxas son malas para os bancos marisqueiros porque comen moluscos? Ou son boas porque comen cangrexos que, a súa vez, comen berberechos e ameixas? Hai unhas décadas que está instalada a idea de que, á parte dos furtivos, as ouxas son o inimigo principal dos bancos marisqueiros. Será unha idea correcta?
Perigo de extinción
Por outra banda a situación da especie é altamente preocupante e difícil de entender. A nivel mundial está considerada en perigo crítico de extinción e case desapareceu de todas as costas atlánticas. Pero en Galicia, e en especial na ría de Arousa, é moi abundante. Incluso hai quen considera que padecemos unha superpoboación de ouxas.
Está claro que os seus depredadores naturais, coma os tiburóns, candorcas e arroaces, non adoitan entraren nas rías pero, por que hai tantas ouxas aquí e tan poucas noutras rías? Para resolver este enigma téñense realizando investigacións desde hai máis de vinte anos e aínda estamos á espera dunha resposta convincente.
E agora imos con máis interrogantes: Deberíanse controlar as poboacións de ouxas? Imposible dado o seu status legal. Poderíanse capturar para o consumo humano? Tradicionalmente non se consumían por teren pouca carne e de mala calidade. Hoxe en día é inviable. Poderíanse capturar e trasladar a outros lugares onde están en declive? Aínda que se propuxo, non se ten intentado, pero antóllase un procedemento moi caro e complexo.
A opinión máis sensata que teño oído ven de Rogelio Santos, pescador de Porto do Son, que explica que compre empezar por «protexer as ameixas da contaminación e dos furtivos, investir máis en sembras e limpeza dos bancos marisqueiros e procurar restablecer a produtividade da rías».
Mentres, o tempo pasa e nós agardamos impacientes a que os investigadores resolvan os interrogantes e as autoridades competentes adopten unha solución.