A Asociación Francisco Lorenzo Mariño festexa dúas décadas facendo activismo en memoria do párroco
PORTO DO SON
O pasado xoves cumpríronse 21 anos do falecemento de Francisco Lorenzo Mariño, o párroco de Aguiño. O seu paso por este mundo non foi en balde, e testemuña diso son as dúas décadas de traballo da asociación que leva o seu nome, e que fixo da lembranza ao cura activismo cultural. Isto traduciuse nunha nova edición da Semana Cultural aguiñense, que serviu de preludio á ofrenda floral que, como cada ano, se levou a cabo no cemiterio de San Vicente de Noal, onde repousan os restos de don Francisco.
O alcalde de Ribeira, Luís Pérez Barral, e o vicepresidente da asociación, Unai González, inauguraron na tardiña do venres as xornadas dedicadas a Francisco Lorenzo Mariño. Nesta ocasión, entre os asuntos que se abordaron nas conferencias tivo especial protagonismo o Xuventú Aguiño, club de fútbol que tivo no párroco don Francisco un dos seus impulsores, como subliñou o actual presidente, Xosé Manuel Vilas. Baixo o título O equipo do pobo, 50 anos de fútbol, o directivo fixo un repaso pola historia da entidade dende a súa fundación no ano 72, aínda non se federou ata 1974. Vilas desvelou ademais que o cura foi tamén o responsable do deseño do escudo que loce o equipo.
Nas xornadas falouse tamén do naufraxio do Santa Isabel e das Heroínas e heroes de Sálvora. O encargado de aportar novos datos sobre os habitantes da illa e o seu papel na segunda catástrofe marítima con vítimas civís máis importante nestas costas foi o historiador Xosé María Fernández Pazos.
Houbo tempo tamén para música coa actuación das cantareiras de As Sete Linguas.
As conferencias foron o primeiro prato dunha serie de actos que tiveron como momento álxido a ofrenda floral no cemiterio de Noal, onde veciños e amigos do querido párroco de Aguiño depositaron 21 rosas, unha por cada ano transcorrido desde o seu pasamento.
A ofrenda floral estivo acompañada dun manifesto reivindicativo
Como cada ano, a homenaxe no cemiterio de Porto do Son estivo acompañada da lectura dun manifesto, que este ano tivo un todo aínda máis reivindicativo do que é habitual. Así, Unai González puxo en valor o labor desenvolvido pola Asociación Francisco Lorenzo Mariño: «Dúas década xa de traballo a través da asociación que leva o teu nome, que non é só homenaxe, senón que é crear cultura para o pobo dende o pobo».
A entidade enumerou as causas sociais defendidas co paso dos anos, facendo fincapé na defensa da sanidade pública que ten en pé de guerra aos veciños de Aguiño: «Ese é o noso recoñecemento para ti, non deixar no esquecemento tantos anos loitando polo propio, pola cultura propia». A defensa do idioma, da paz, coa repulsa ao que acontece en Ucraína e Palestina e o recordo ás vítimas da dana tamén foron reivindicados.