Coincidencias e misterio arredor de Manuel Antonio

RIANXO

Rianxo arroupou ao seu veciño Xosé Ricardo Losada na presentación do seu novo libro

25 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

«Avelino Abuín de Tembra preguntoulle nunha entrevista a Dieste como era posible que en Rianxo xurdiran tres figuras das letras, e el respondeulle, non sei si ironicamente, a verdade é que nunca o pensei». Esta pasaxe foi lembrada polo rianxeiro Xosé Ricardo Losada na concorrida presentación do seu novo libro, Manuel Antonio. Vida e misterio dun poeta galego, nun auditorio no que se puxo de manifesto que non foi casual que na vila naceran Castealo, Dieste e Manuel Antonio, nin que siga zumegando cultura, xa non só na escrita, como sinalou o alcalde, Adolfo Muíños, senón tamén na música, como demostraron Graciela Boquete e Antón Alcalde, en calidade de vocalista e pianista, no mesmo acto, así como no deporte e doutros eidos.

Estas «coincidencias» déronse no encontro mensual de Barbantia, no que un dos seus socios fundadores, Ricardo Losada, comparecía acompañado por Antón Riveiro Coello, o seu «pai intelectual»; Xosé Luís Franco Grande «un coronel ao servizo dun soldado raso ?Losada?», cualificativo que, con humor, o veterano escritor instou a retirar da páxina 197 das vindeiras edicións do libro; Francisco Castro, director de Galaxia, co que Losada, con sorna, se declarou «resentido» por lle quitar o Blanco Amor do que ambos foron finalistas; e o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, cuxo Concello mercou libros suficientes para que todos os presentes marcharan cunha obra que, a dicir dos integrantes da mesa, marcará un antes e un despois no que se sabe da vida dun dos ilustres rianxeiros, quizais o menos comprendido.

Talento referendado

Riveiro Coello intercedeu ante o representante da súa editorial cabeceira, na que edita os seus libros desde o ano 2000, instando a Castro a non deixar fuxir a Xosé Ricardo Losada, ao que considerou escritor de futuro cando leu a súa primeira obra, O xene da chuvia, o que veu referendando en todas as seguintes publicacións.

Castro, pola súa banda, confesouse encantado de volver estar en Rianxo, e agradeceu a Adolfo Muíños a súa implicación coa cultura: «O país susténtase con colectivos como Barbantia e concellos como o de Rianxo», afirmou o director de Galaxia.

Franco Grande declarouse sorprendido co libro de Xosé Ricardo Losada, porque vai máis alá dos fracasos que caracterizaron a Manuel Antonio, indagando na súa personalidade a través do seu epistolario.

Xosé Ricardo Losada puxo de manifesto que o do libro era o seu Manuel Antonio, froito da súa investigación, e neste sentido tivo palabras de agradecemento a todos os rianxeiros que traballaron na vida e na obra do autor de De catro a catro, especialmente para Axeitos, porque a súa nova obra bebeu na deles.