Xenio e figura, Maneiro xubilouse orgulloso do traballo feito e sabedor de que «a xente non me quere mal»
10 nov 2019 . Actualizado a las 11:59 h.Hai pouco máis dunha semana que se xubilou, e Antonio Tubío, Maneiro, aínda anda enleado co traspaso de poderes ao novo xefe da Policía Local de Rianxo. Non é de estrañar que logo de 37 anos no corpo de municipais, 28 deles na xefatura, leve o seu tempo soltar lastre para iniciar unha nova etapa e sexa difícil resumir unha traxectoria tan longa. Inténtao nunha conversa chea de anécdotas -como aquela vez que lograron desarmar a unha unidade especial do exército que estaba de manobras na praia das Cunchas crendo que se trataba dun grupo de narcotraficantes-, pero que, sobre todo, zumega vocación de servizo.
-Comecemos polo principio, como chegou á Policía Local?
-Empecei porque un primo meu me dixo que había prazas para entrar e apunteime. Eu daquela estaba na descarga en Ribeira e se aquela semana chega a haber algún barco eu non tería ido ás probas, así que foi un pouco por casualidade. Vocación ningunha, de feito, tiña incluso unha mala imaxe do labor policial.
-E que fixo que cambiara de opinión?
-O traballo. É un labor moi bonito e a vocación chegou rápido, ao ver que o traballo por dentro non ten nada que ver co que se ve desde fóra. O que máis me motivou despois foi cando empecei de xefe, porque me permitiu poñer en marcha as miñas propias iniciativas para mellorar o funcionamento da policía.
-Impulsou cambios moi profundos desde a xefatura?
-É que antes non había nada, eu creei a estrutura dunha xefatura de policía. O primeiro parte de servizo que hai na Policía Local de Rianxo é do 1 de xuño de 1991, o meu primeiro día como xefe. De feito, cando chegou o momento de tirar papel, fixemos unha consulta e dixéronnos que os partes non se podían tirar e démonos conta de que nós comezamos a historia documental do corpo de municipais de Rianxo.
-Despois de tantos anos, que momentos da súa traxectoria destaca?
-Houbo tres proxectos que me ilusionaron especialmente e que son importantes para min. O que máis me ilusionou foi o do paseo marítimo, o catastro non estaba actualizado e había que buscar a todos os propietarios dos terreos afectados para non perder as axudas. Dediqueille moitas horas a ese labor, e agora vou andando por el e síntoo moi algo meu. Logo, estou orgulloso de ter podido colaborar na loita contra o furtivismo. A pesar dos atrancos e opinións en contra, niso estivemos do lado dos veciños.
-A que atrancos se refire?
-Había opinións en contra de que nos dedicáramos á vixilancia do furtivismo, tanto dentro da Policía Local de Rianxo como en outros sectores policiais da comarca, algo que nunca entenderei. Argumentaban que non era competencia nosa e que para iso estaban os vixilantes privados, pero sería unha indecencia non colaborar niso vivindo máis da metade dos veciños de Rianxo do mar. Estou orgulloso de telo feito polo que me custou.
-Falaba de tres proxectos, cal é o terceiro?
-A informatización da policía, levou tempo e dedicáronse moitas horas fóra da xornada laboral a implantar o sistema de xestión.
-E cal diría que foi o momento máis complicado da súa carreira?
-Houbo momentos que si me afectaron, quizais un dos peores foron os incendios do 2006. Paseino realmente mal, unha noite quedamos cos veciños rodeados polo lume e non podiamos saír. Os lumes foron un momento complicado pola impotencia e pola rabia, sentíame afundido.
-Sorprende que non cite ningunha gran operación ou investigación importante.
-O honor máis importante da miña vida é ter sido o xefe da Policía Local de Rianxo e estar ao lado dos meus veciños. Sempre digo que, cando empecei, quería cambiar o mundo, e co paso dos anos o que intentei foi que o mundo non me cambiara a min. Claro que houbo algunhas investigacións importantes, pero do que máis orgulloso estou é do servizo público, de que lle déramos sempre resposta aos problemas dos veciños, fose competencia nosa ou non.
«O caso Diana Quer deu unha imaxe moi mala de Rianxo»
Máis que de grandes operacións ou casos importantes, a Maneiro gústalle falar do servizo ao cidadán. Con todo, non se pode obviar que a morte de Diana Quer, que puxo o foco mediático en Rianxo, foi un momento clave na súa traxectoria.
-Por repercusión, e na véspera do inicio do xuízo, o caso Diana Quer foi o máis destacado na recta final da súa carreira profesional. Como se viviu no seo na Policía Local rianxeira?
-Pola nosa parte fixemos un equipo con varios gardas que se puxo a disposición da investigación para colaborar no que puidéramos. Houbo momentos de moita intensidade, como cando se pensou que Diana estivera unha hora no porto de Taragoña, ou cando comezamos a ser conscientes de que a investigación estaba centrada aquí.
-Tiñan información sobre os avances na investigación e as sospeitas sobre o Chicle?
-Non directamente, levouse todo con moito hermetismo. Nós colaboramos en todo o que nos pediron e estabamos en contacto co grupo de investigadores, comunicándolles calquera sospeita que puideramos ter. Tamén participamos na busca e durante eses meses revisáronse terreos e pozos e atendíanse os avisos dos veciños que nos dicían que miráramos en tal ou cal sitio. A min, sinceramente, e xa o dixen máis veces, custábame crer que o Chicle puidera ser o responsable da desaparición de Diana, ata o intento de rapto de Boiro.
-Como se enterou de que o corpo de Diana aparecera na nave de Asados?
-Chamáronme ás sete da mañá para comunicarme que por fin a tiñamos, avisei ao alcalde e fomos para alí.
-E os días seguintes?
-O caso Diana Quer deu unha imaxe moi mala de Rianxo, ata o punto de que chegou un momento no que eu mesmo lle dixen ao alcalde que debiamos atender aos medios e dar entrevistas, coa condición que se fixeran aquí, en Rianxo, para intentar cambiar a imaxe que se estaba dando do concello e que quedou tocada como consecuencia diso.