Aurora Marco pon nome ás mulleres «irmandiñas»

Ramón Ares Noal
MONCHO ARES RIBEIRA / LA VOZ

RIANXO

A súa labor foi clave no galeguismo, pero foi silenciada

21 jun 2020 . Actualizado a las 11:35 h.

A excepción da etapa da Segunda República, a historia e a actividade política e social de Galicia só ten nomes de homes, con escasas excepcións femininas. A profesora e investigadora Aurora Marco, estreitamente relacionada coa comarca -«a primeira vez que vin o mar na miña vida foi aquí, en Tanxil»-, aínda que nada en Teruel e criada en Santiago, onde foi mestra de mestres e mestras, xa que exerceu o ensino na Escola de Maxisterio, no que tivo alumnos como Encarna Pego e Adolfo Muíños, conta cunha longa traxectoria para facer xustiza coa labor das mulleres na que acaba de subir un chanzo máis coa obra Irmandiñas, presentada en Rianxo no segundo acto de Barbantia da etapa posterior ao confinamento.

Precisamente, a mestra acompañouse na presentación de dous ex alumnos -Pego e Muíños- e dun veterano da docencia Xesús Santos, quen foi clave na localización de mulleres rianxeiras, concretamente de Asados, que formaron unha agrupación feminina arredor das Irmandades da Fala. Precisamente eses son os perfiles nos que abonda Aurora Marco na súa obra, no papel que desenvolveron mozas e non tan mozas naquel movemento, que pasou desapercibido ao ser silenciado ata o punto de que, como recoñeceu, lle complicou os catro anos de investigación.

O acto estivo marcado polas estritas normas de seguridade que se aplicaron no Auditorio Municipal de Rianxo, onde o alcalde, Adolfo Muíños, deu a benvida lembrando que a presentación estaba fixada para finais de marzo, pero considerou que a presentación de Irmandiñas era a mellor ocasión para retomar a actividade cultural.

Na retagarda

Tanto o rexedor como Encarna Pego, en representación de Barbantia, e o propio Xesús Santos, incidiron en valorar moi positivamente o traballo de Aurora Marco, porque é quen de ilustrar á sociedade en que o movemento galeguista, tan significativo en Rianxo, tivo tamén nome de muller, ou de mulleres, que quedaron na retagarda da historia.

Aurora Marco explicou como desenvolveu a súa investigación a través de agrupacións corais e de teatro, entre outras, e neste último apartado é no que entra a parte que atinxe a Rianxo, porque en Asados, ao acubillo de Airiños, xurdiu un grupo de 27 irmandiñas, que Xesús Santos cualificou de caso extraordinario, que participaban ou promovían todo tipo de actos, «que sabían o himno galego e coñecían a bandeira, que incluso chegaron a improvisar como unha discoteca ao aire libre», antes da chegada da ditadura na que elas pasaron a ser invisibles, e neste aspecto lembrou os problemas que lle puxo a censura a Airiños por unha representación na que había unha actriz.

Para coroar un acto extraordinario, o grupo Barahúnda ofreceu unha sublime actuación, na que incluíu a peza Irmandiñas, composta para a obra de Marco.