X. L. Axeitos publica os textos nun volume de ensaios sobre o poeta
18 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.Dona Petra ten 96 anos e vive nun pazo, mentres que a súa amiga dona Delia, de 88, reside nunha vila e hai lustros que non se ven. Cando un día se produce o reencontro entre as dúas amigas da infancia, a máis nova di: «¡Ay!, cuando llegue a tus años...». Da reunión -imaxinada, é de supor- dá conta Manoel Antonio, quen semella falar por boca dun narrador omnisciente: «Los circunstantes sonrieron excepto el poeta joven avanguardista y antirubeniano, que corrigió: ¡Senectud, divino tesoro!».
A peza é un dos dous inéditos que inclúe Xosé Luís Axeitos (Rianxo, 1945) no seu libro Aproximacións a Manoel Antonio (Axóuxere), unha colección de sete reflexións ou ensaios -aínda que o seu autor tratou de afastarse do ton académico- arredor dun autor que non perdeu nin vixencia nin capacidade de fascinación. Axeitos confesa que, malia levar máis de cincuenta anos lendo a súa obra, segue a sentirse interpelado e descubre novos achados, interpretativos e literais, no legado de Manoel Antonio. Os dous textos dados a coñecer no volume pasaran inadvertidos precisamente por ser anotacións na marxe dunha folla de xornal -«dobremente marxinais», subliña Axeitos-, pero son pezas valiosas para seguir compoñendo e completando ese crebacabezas que é a obra e a figura do autor de De catro a catro.
Senectud, divino tesoro, é elocuente na súa posición contraria a Rubén Darío e unha cumprida mostra de retranca. «É sorprendente como aos 20 anos Manoel Antonio é capaz desta ironía, deste distanciamento, o xeito no que di que xa é hora de ir deixando ese mundo canso e fatigado de Rubén Darío», explica Axeitos, para quen estes achados acadan a relevancia que terían descubrimentos parellos nos casos de Lorca ou Pessoa, por poñer dous exemplos de literaturas próximas. O feito de que sexan anotacións manuscritas nun periódico tamén testemuña o carácter de Manoel Antonio, alguén cun radar finamente activado para captar aquilo que lle interesaba, xa que mantiña contacto con outros autores, publicacións ou editoras para satisfacer a curiosidade constante e omnívora para todo o literario nas súas coordenadas.
Ética e política
Entre outras cuestións que Axeitos analiza no seu libro, publicado coa colaboración da casa museo de Manoel Antonio, o Concello de Rianxo e a empresa Cortizo, figuran unha achega á ética e a política do escritor, interpretacións sobre obras como A estrela desconecida e Sempre e mais Dispois, os paratextos arredor de De catro a catro ou diversos bosquexos biográficos. Resulta rechamante e tenro a partes iguais comprobar, nun texto sobre o fillo que escribiu a nai, Purificación Sánchez Vázquez, como o poeta agochou a información da grave enfermidade -tuberculose- que ao cabo se cobraría a súa vida, unha pulsión profundamente humana dun fillo que medrara sen pai dende os catro anos.
Son xanelas que se abren á obra e a vida de quen mantén unha calidade misteriosa e á que Axeitos se aproxima dende a interpretación dos símbolos nos seus textos e unha análise literaria que ten a súa cerna na visión que o propio Manoel Antonio tiña da poesía. Para o especialista, esa metapoesía «pon en entredito ao creador. Se un creador non ten dúbidas, non pode considerarse tal, é un mero reprodutor», explica Axeitos. «Manoel Antonio introdúcese no seu propio poema como home dubitativo, abraiado», engade, calidades que nacen do íntimo pero que non exclúen a conexión co seu tempo e a súa sociedade, «xa que é quen de reflectir as arelas, os anceios, da xente».