José Carou: O bardo que regresa desde Rianxo para escribirlle á auga, á dor e á esperanza

xoán r. Alvite MAZARICOS / CORRESPONSAL

RIANXO

cedida

Vén de lanzar un novo poemario que se completa coas ilustracións de Salvador Laíño

27 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

«Estes versos non os escribín eu. Escribiunos alguén que ás veces teño o convencemento de ter sido eu nunha existencia anterior. E outras non. Iso é o mesmo que dicir que o poemario se escribiu só. Aquí non podo dubidar. Foi deste xeito. O único que eu fixen foi reescribilo incesantemente ao longo destes derradeiros 25 anos. En todo caso, asino estes versos máis por necesidade que por ledicia». Con esta perturbadora confesión arrinca o rianxeiro José Carou Rey o seu novo libro. Neste caso, un poemario que, baixo o título Hemisferio auga, xa se atopa nas principais librarías galegas baixo o paraugas de Medulia Editorial. Trátase dunha obra que, segundo recoñece o propio autor, afonda nos sentimentos humanos e por iso require da complicidade do propio lector para o seu goce: «Sen dúbida, calquera persoa que se achegue aos poemas do libro pode facelos seus, porque falan de sentimentos aos que ningún ser humano é alleo».

Para esta nova aventura literaria, Carou contou coa colaboración do artista Salvador Laíño, tamén natural de Rianxo, e sobre o que o poeta se desfai en eloxios. «Laíño é xa un pintor de culto para moitos de nós, un pincel imprescindible no panorama galego contemporáneo. Unha premisa básica para min, ao decidirme a publicar este poemario, era contar cos seus debuxos», apunta antes de recoñecer que o libro non se entendería como un todo se as ilustracións non reflectisen o sentir dos poemas.

Neste sentido, o debuxante fai fincapé na amizade que o une ao escritor desde cativos, cando se coñeceron aos 12 anos nas clases de música do antigo Liceo de Rinlo. De aí, a ilustración da portada do libro: un saxofonista e un trompetista abrigados baixo un paraugas do que choven notas musicais. Explica que os seus debuxos, feitos a bolígrafo, encádranse nunha etapa titulada Tempo de espera, nome que fai referencia ás horas de agarda polo seu pai, na porta do hospital de Santiago, durante os anos que durou a súa longa e cruel enfermidade.

Estilo intimista

«Nesas horas, Salvador ía definindo co seu bolígrafo as liñas da dor e do amor. Ensinoume os debuxos e eu pedinlle que ampliase a serie para Hemisferio auga, composto por poemas tamén nacidos da dor, das paixóns e da necesidade de redención e esperanza. Nos debuxos, as esferas e os círculos perimetran e constrúen o espazo íntimo do ser humano. Intimismo pictórico e poético fusiónanse na obra», explica José Carou que non descarta que a colaboración entre ambos se poida a repetir a curto ou medio prazo.

O escritor rianxeiro dedícase á ensinanza dende hai case 25 anos -os últimos nove como profesor de Filosofía no IES Espiñeira de Boiro- e ten xa publicados distintos traballos, tanto de xeito conxunto como individual, obtendo diferentes recoñecementos. O máis recente foi o primeiro premio no oitavo Certame de Relatos de Aventuras Antón Avilés de Taramancos que convoca o Concello de Noia, coa obra Desvelando a Ademar Escambía. No 2018, a súa obra Afán e infortunio dos días estragados tamén se fixo merecedora do galardón Modesto Figueirido, convocado pola Fundación do Pedrón de Ouro, e que está considerado como un dos máis prestixiosos do panorama galego.

Toda a obra de Carou destaca, segundo os entendidos, pola súa excelente ambientación e pola calidade que presentan os seus textos dende o punto de vista tanto lingüístico como estilístico. Neste sentido, o autor recoñece que na súa escrita hai múltiples influencias que van desde algúns dos autores galegos máis consagrados a outros como Juan Benet, pasando por escritores de recoñecido prestixio internacional como os estadounidenses Cormac McCarthy e David Foster Wallace. Igualmente, afirma que na súa nova incursión poética teñen un peso determinante as obras de autores tan dispares como Miguel Hernández, Manuel Antonio, Clarice Lispector, Pessoa ou Leopoldo María Panero.