«Non dispor de toda a capacidade pode baixar a facturación entre o 30 e o 40 %»
RIANXO
Francisco Rey apunta que o colectivo pretende que as institucións escoiten a súa opinión
20 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.A unión fai a forza e os hostaleiros de Boiro e Rianxo decidiron xuntarse para que a súa voz teña máis peso. A comezos da semana elixiuse presidente da nova asociación Boiro-Rianxo Hostalaría. Francisco Rey, que rexenta un negocio no municipio boirense, xa está á fronte do colectivo e chega con ganas de traballar.
-Cales son os obxectivos desta nova entidade?
-Decidimos asociarnos pola necesidade de unirnos, porque sempre andaba cada un polo seu lado. A pandemia foi motivo máis que suficiente para xuntarnos. Pero non queremos que quede neste momento, a idea é seguir adiante e facer que as institucións conten con nós para as tomas de decisións que teñan que ver coa hostalaría.
-Despois de tanto tempo traballando con restricións ou sen poder abrir, percibiron que pecharon moitos negocios?
-Creo que en Rianxo houbo máis que cesaron a actividade que en Boiro. Pero agora a preocupación é como afrontar o que vén por diante.
-Que está por vir?
-Moita xente decidiu acollerse aos créditos ICO, que é unha vía de escape, pero o problema chegará cando haxa que empezar a pagalos. Tamén están os ERTE, que foron un quebracabezas nalgúns momentos e supoñen unha sobrecarga de traballo. Agora, de cara ao verán, é moi difícil facer previsións. Contratamos persoas? Non, porque primeiro hai que sacar aos empregados do ERTE.
-Falando do verán, sempre se dixo que había moitas esperanzas postas nesta época, vai ser a temporada que salve o ano?
-Hai moita incerteza porque non podemos traballar cos aforos completos, nin tampouco serán os horarios do verán pasado. Non sabemos como vai resultar. É a gran esperanza para saír adiante, pero é unha incógnita. Imaxino que os turistas virán igual, pero a ver como evolucionan as restricións. Espero que a vacinación siga a bo ritmo e se manteña esta progresión.
-Ademais dos prexuízos económicos, desde o sector moitas veces tamén se fala de que esta situación afectou a nivel psicolóxico.
-É que é difícil de levar, porque estás acostumado a unha rutina diaria e pasouse a pechar, a abrir sen saber cando terás que pechar outra vez, se poderás usar o interior ou só a terraza... moita incerteza porque non sabes que vas poder facer.
-O positivo é que parece que hai ganas de saír e gozar do ocio.
-Esa é a percepción, que a xente ten moitas ganas de ocio e de evadirse un pouco. Cando abran un pouco a man coas restricións, os cidadáns van saír. Iso, polo menos, é o que esperamos.
-Fálase de limitacións de capacidade nos locais, pero para un negocio hostaleiro, que supón non poder traballar ao 100 % das súas posibilidades?
-Pois a diferenza de facturación para un negocio normal, xa non falo de ocio nocturno que lle afecta máis, pode supor unha baixada de entre o 30 % e o 40 % da facturación mensual. Somos conscientes de que hai cousas que temos que asumir, pero tivemos que pechar porque nos obrigaron sen ter demostrado que a hostalaría sexa o foco ou favoreza a propagación dos contaxios.
-Tiveron que pechar e reclamar moito para obter axudas.
-Nós o que pedimos é un rescate real. O que están é a dar subvencións e non son suficientes. Ademais, ás veces as condicións que poñen para acceder ás achegas fan que sexa imposible beneficiarse delas.
-A pandemia e as restricións tamén provocaron cambios de hábitos nos clientes, son moi perceptibles a día de hoxe?
-É certo que mudaron algúns hábitos. A comida para levar funcionou máis que nunca, e o ocio que non se pode facer ás dúas da madrugada adiántase ás once da noite. Non sei que pasará despois, pero hai cousas que saíron da pandemia que van quedar.
«Queremos traballar a nivel comarcal porque, cantos máis sexamos, maior será a nosa forza»
O colectivo comezou a fraguarse nas manifestacións que hostaleiros de Boiro e Rianxo levaron a cabo de forma conxunta, pero a intención desta nova asociación non é traballar só nestas dúas localidades.
-Barbanza é unha comarca con moita relación entre os concellos que a forman, mantiveron contactos con profesionais do sector de Ribeira e A Pobra?
-Si, mantivemos conversas con Ribeira e coa posible asociación que se pode formar na Pobra. Queremos traballar a nivel comarcal porque, cantos máis sexamos, maior será a nosa forza. Xa mantivemos unha reunión coa Mancomunidade Barbanza Arousa. Queremos participar activamente na toma de decisións. Este foi un ano moi duro e fíxose longo, e hai que afrontar o futuro o mellor posible.
-Que se tratou nesa xuntanza?
-Expuxemos as nosas inquedanzas a nivel xeral, porque é posible que constituamos unha federación. E mostrámonos dispostos a formar parte nas decisións que se tomen que, por exemplo, teñan que ver co turismo.
-Un bo número de empresarios do sector está ofertando postos de traballo e din que non hai persoal cualificado, e isto un grave problema?
-É certo que as persoas que traballaban na hostalaría tiveron que buscar outras ocupacións e nestes momentos si que hai falta de profesionais cualificados.
-Algunha iniciativa para cambiar esta situación?
-A nosa intención é crear unha escola de formación. Buscaremos que os concellos fagan un plan formativo e nós teremos o compromiso de facilitar as prácticas nos establecementos que estean adheridos ao proxecto. Ofrecemos formación e tamén unha bolsa de emprego. Pero polo de agora estamos a ter unha toma de contacto coas institucións.