Afinación, tempero e espírito de Galicia foron os piares da filosofía dun músico que levou os sons galegos por todo o mundo
01 jul 2021 . Actualizado a las 20:34 h.«Foi un gaiteiro de pura cepa». Así recorda Pepe Romero a o seu pai, Xosé Romero Suárez (Rianxo, 1930), quen hoxe entoou a súa última melodía. O que foi fundador do mítico grupo de Os Rosales de Asados comezou a escribir historia e melodías na década dos anos 50 da man da súa muller, Maruxa Miguéns. Os dous gañáronse o seu respectivo oco nos altares da música tradicional galega, fito que quedou demostrado en marzo do 2017, cando foron homenaxeados no auditorio de Rianxo pola Asociación de Gaiteiros Galegos, que este xoves, no día do pasamento do rianxeiro, recordou o papel dun «home moi querido, que dedicou a súa vida á nosa música tradicional, e que a exportou polo mundo, lembrando sempre os tres piares que no seu día estableceu de cara a unha boa actuación: afinación, tempero e espírito de Galicia».
Esa foi a filosofía que defendeu Romero, que deixa unha basta saga de músicos na familia. É seu fillo Pepe o que destaca que a música e a carpintería —á que se dedicou profesionalmente— foron os piares da súa traxectoria: «A gaita formou parte da súa vida emocional, e foi xunto a carpintería o seu modus vivendi». Porque para Xosé Romero, o paso dos anos non conseguiu que deixase o fol de lado. Na súa casa en Rianxo mantiña moi vivo o instrumento que sempre o fixo feliz, e alí, nunha habitación disposta para tal fin, volvía a sonar sempre que o corpo, e o corazón, lle pedían que recuperase as melodías que creou e que grupos de toda Galicia manteñen vivas a pesar do sempre intransixente percorrer dos anos.
Da súa importancia no latexo da música galega fíxose eco tamén a filóloga Fina Fernández no seu libro Os Rosales, o son da festa, no que explica o rol que ocupou un dúo único, que derrubou fronteiras por todo o planeta coa inclusión de Maruxa Miguéns nun mundo naquel momento reservado aos homes. Chora Rianxo, e tódolos alumnos que Romero tivo na súa vila, que hoxe despedían a un veciño ilustre recordando a «un mito da cultura popular galega e de Rianxo. Compositor, mestre de mestres e gaiteiro de ben, toca xa entre os bos e xenerosos». O enterro será este venres ás 19.45 horas no cementerio de Asados.