Rianxo lembra con cultura a Castelao

RIANXO

MARCOS CREO

A preestrea teatral de Amorodio e a presentación de Riveiro Coello, entre as propostas

16 ene 2023 . Actualizado a las 16:20 h.

Promovidos polo Concello, os Actos Castelao regresan a Rianxo para lembrar ao ilustre escritor neste mes no que se conmemora o seu nacemento e tamén o seu falecemento. As propostas, que se prolongarán ata o 28, comezan este mesmo xoves, cun espectáculo teatral a cargo da compañía Amorodio.

O elenco formado por Carmen Facorro, Javier Castiñeira e Raquel Velasco atópase estes días preparando a súa nova produción, A nai, no auditorio rianxeiro, no marco do programa de residencias escénicas impulsado polo Concello. Este xoves, ás 20.00 horas, os veciños terán ocasión de asistir á preestrea da peza dirixida por Marián Bañobre, que propón unha viaxe no tempo para explorar, a través das figuras das irmás Lola, Julia e Amparo Touza as súas fazañas como salvadoras dunha cantidade estimada de 500 persoas durante o Holocausto.

O venres (21.00 horas) será un escritor local, José Carou Rey, o que cite aos rianxeiros no auditorio con motivo da presentación do seu último libro, Diorama. Un poemario ilustrado por Salvador Laíño e publicado por Galaxia. E o sábado chegará a quenda da música, cun concerto da man do grupo Onte e hoxe, fixado para as 20.30.

Despois dun descanso, as actividades incluídas nos Actos Castelao regresarán o venres 27 da man de Barbantia, que celebrará en Rianxo a súa cita mensual, para a que convidou a Antón Riveiro Coello, que presentará a novela Días de intemperie. De forma paralela á intervención do autor, o pintor Alfonso Costa realizará unha intervención artística. Tanto a apertura como o peche serán musicais, a cargo da Escola de Música de Rianxo.

As propostas chegarán ao seu fin o sábado coa homenaxe a Castelao propiamente dita. Levarase a cabo ao mediodía no paseo da Ribeira, diante do busto do escritor, e consistirá nunha ofrenda floral con intervencións das autoridades asistentes. O colofón será o concerto poético musical que Noelia Gómez e Rui Grenha ofrecerán ás 20.30.

Ademais, ao longo de todo o mes está aberta no auditorio a exposición das obras que concorreron á décimo sexta edición do Premio Luis Ksado de Creación Fotográfica.