
O Concello de Rianxo publica un libro sobre a fortaleza, da que só quedan as bases
14 jun 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Era un outeiro coma outro calquera, cheo de silvas e herbas, ata que no 2006 unha escavación arqueolóxica amosou o tesouro que escondía a desembocadura do río Tea en Punta do Pazo, en Rianxo. De aí xurdiron as primeiras investigacións históricas de Alexandra Cabana e Heitor Picallo, unha canguesa e un pontevedrés que acabaron namorados das marabillas arquitectónicas do Castelo da Lúa.
Tanto interese levantou o tema, que hai dous anos foi o propio Adolfo Muíños o que lles pediu que fixeran unha publicación especializada: «Na primeira volta elaboramos unha investigación documental bastante profunda, pero na segunda mergullámonos aínda máis porque se encontraran máis textos», explica Cabana.
A fortaleza, que segundo Picallo foi un elemento crucial para a defensa do territorio, tamén serviu para representar o estatus social dos seus donos e a súa capacidade de dominación: «Simbolizaba a orixe da familia e o control sobre a terra e a xente de Rianxo». Pola súa banda, a canguesa engade que a torre contaba con alcobas e habitacións nas que descansar, pero que o seu fin principal era o de instrumento de sometemento do pobo raso, que moitas veces cumpría condenas ou era xulgado alí.
O investigador medieval explica que a primeira parte do traballo trata sobre as características construtivas da estrutura, que chegou á época moderna nun grave estado de abandono: «Os posuidores do castelo foron galegos ata o ano 1500 aproximadamente, logo os herdeiros do mariscal de Sueiro Gómez de Soutomaior asentan no reino de León e, paseniño, van perdendo as raiceiras e estendendo as súas pólas familiares cara a diversos lugares».
Pola súa banda, Alexandra Cabana sitúa a súa época de maior esplendor entre os séculos XIV e XV, aínda que non se coñece con total claridade cando foi construído ou se existiu algún edificio anterior coa mesma funcionalidade. O que si que saben é que tiña tres escudos familiares na parte frontal e que estes representaban a catro grupos moi potentes da época, a casa dos Soutomaior, a dos Mariño, a dos Chariño e a dos Mendoza.
Nome pintoresco
O símbolo destes últimos, unha media lúa boca abaixo, foi a que deu lugar ao nome co que popularmente se coñece a torre: «Os escritos falan dela como a fortaleza ou o castelo de Rianxo, pero a xente común sempre o chamou Castelo da Lúa», afirma Heitor Picallo. O responsable de facer o percorrido xenealóxico dos herdeiros da propiedade foi o pontevedrés, que logrou unha guía temporal sen fisuras. «Conseguimos construír unha liña ininterrompida de transmisión hereditaria entre 1340 e 1850». Sábese que o último comprador foi Xosé Rúa Figueroa, un xuíz coruñés que se fixo coa fortaleza polo prezo de 2.000 reais e que o vendedor era o conde de Oñate. Engade que cara a etapa final da súa vida útil serviu como almacén para gardar alimentos ou incluso animais no seu interior.
Parte da bibliografía histórica consultada polos investigadores, non é outra cousa que unha discusión parecida a cando a alguén se lle moven os marcos, pois existen multitude de cartas nas que os donos do castelo e o arcebispo de Santiago amosan o seu descontento coa visión do contrario: «Os cregos consideraban que aquela zona era xurisdición do arcebispo santiagués e existen varias ordes de derrubo de certas partes da estrutura», aclara Alexandra Cabana.
O seu deterioro incrementouse durante os séculos XIX e XX, nos que os veciños da vila optaron por ir desfacéndoo pedra a pedra e roubando os obxectos de valor do seu interior.
Para Picallo é importante poñer en valor este enorme atractivo barbancés, que ata non hai moito tempo foi un paraxe deixado da man de Deus. Por iso, pensa que Concello e veciños deben apostar por poñer en valor a zona: «O mellor sería instalar un centro de interpretación que estivese aberto todo o ano». O turismo, que sen dúbida é un dos motores económicos da comarca xunto coa industria conserveira, veríase tamén beneficiado con esta medida pensa o investigador: «Moita xente xa non busca só ir comer ou ir á praia, queren algo que lles sirva para cultivarse».