
































Alejandra Conde e Beni Iglesias celebraron o seu amor vestidos con roupa tradicional
16 sep 2023 . Actualizado a las 11:57 h.En todo calendario rianxeiro que se prece sempre hai un par de días de setembro marcados nun rechamante vermello, pois se son moitos os veciños e devotos que non se perden nin un ano a procesión da Moreniña, tamén son outros tantos os que escollen a data do Feirón Mariñeiro como a súa preferida. Pero, que ten esta xornada de especial? Pois todo, dende a roupa que viste a xente ata as postos que ocupan as rúas do centro, nos que os alimentos envasados e a moda rápida deixan espazo ás preparacións tradicionais e a prendas que imitan ás que levaban os rianxeiros cen anos atrás.
Este xoves, no casco urbano había mesas nas que era mellor intentar pasar sen facer caso do sentido do olfacto, pois o cheiro inconfundible dos queixos e chourizos feitos de maneira artesanal convertíase nunha especie de trampa na que acababan caendo moitos viandantes, polo menos aqueles que decidiron saltarse a dieta.
Tamén había paradas obrigatorias para os máis coquetos, que dispuñan de táboas cheas de aneis, colares e pulseiras de todo tipo de materiais. Entre elas destacaban as de arame, brillantes e de gran tamaño. Os que chamaron a atención si ou si dos residentes e visitantes que pasaban pola feira foron os zocos de madeira que lucían na balda dun dos postos. De cores vivas como o vermello ou o azul e mesmo con estampado de vaca, este calzado era estudado con esmero polos posibles compradores, que non tiñan medo a que os seus pasos resoasen por todo Rianxo ao levalos postos.
O que si se escoitaba por todas partes eran as gaitas e pandeiretas da foliada popular, na que participaron 7 agrupacións ademais de músicos independentes que se foron unindo ao espectáculo ao longo da mañá.
Amor compartido
Hai días e días no ano para celebrar un casamento, pero para Beni Iglesias e Alejandra Conde non houbo mellor data para compartir o seu amor cos veciños que o Feirón Mariñeiro. «Parecíanos unha ocasión bonita», conta o home.
O que non se esperaban foi a comitiva organizada polos seus compañeiros do grupo Fogo Fatuo: «Non tiñamos nin idea, a min ata me caeron as lágrimas». Entre o público estaba a filla da parella, Bea, de tan só 11 meses, que pese a non ser a noiva, foi a que se gañou o cariño da maioría dos rianxeiros que pasaron por alí.

José Álvarez, telleiro: «O día que xa non esteamos eu e algúns compañeiros máis que quedan desaparece de todo este oficio»
Ultimamente todo o mundo fala do mesmo: a volta ao colexio. Os nenos empezan as clases cargados, en moito casos, de materiais e libros de texto novos. Os máis estudosos empezan esta etapa con alegría, mentres que os preguiceiros preferirían estender o verán un pouco máis.
Pero non sempre a vida foi así, cando o telleiro José Álvarez era rapaz, recibir formación nun centro público non era un dereito, senón un luxo ao alcance duns poucos privilexiados. Por iso cando cumpriu 13 anos, viuse obrigado a empezar a traballar nun obradoiro artesanal: «Miña nai quedara viúva con catro fillos e eu era o maior, grazas a iso puido sacar adiante ás miñas tres irmás pequenas».
A dureza desta modesta maneira de gañar a vida sae a relucir cando o Buraco, como de verdade se lle coñece, empeza a narrar en alto como eran as interminables xornadas alí dentro. «Empezábamos ás 6.00 horas e acabábamos ás dez da noite, e despois tíñamos que pelar as patacas para comer algo ao día seguinte».
A dieta era pobre e repetitiva: caldo para almorzar e cear e touciño ou bacallau para comer todos os días. «Agora está máis valorado, pero daquela ese peixe era de pobres», lembra aos seus 81 anos un dos telleiros máis coñecidos de Tomiño.
Cambio de rumbo
Así estivo ata os 26 anos, cando deixou a cabaqueira, como lle chaman os profesionais do sector na súa xerga, polo oficio de camioneiro, unha ocupación que o levou a percorrer milleiros de veces o norte de España, sobre todo Galicia, Castela e León e Asturias.
Conta que o seu amor por crear estas peciñas de barro volveu cando se xubilou e lle pediron que fose dar unha charla a u colexio para explicarlle aos rapaces cómo se facían antes as tellas.
Dende aquela, Álvarez acude a centros escolares e citas como o Feirón Mariñeiro de Rianxo, ao que levaba tempo vindo antes da pandemia: «Este ano quería volver, pero operáronme e non puiden asistir». O profesional admite que lle facía especial ilusión acercarse a Rianxo, pois era a última vez que ía ir a unha demostración tan lonxe: «A partir de agora, non sei se poderei facer algunha preto da casa, pero a miña saúde non permite ir ás feiras como ía antes, require moito esforzo», confesa con resignación.