A Moreniña quenta motores en Rianxo

Ribeira LA VOZ

RIANXO

O Feirón Mariñeiro é unha das citas máis concorridas dos festexos.
O Feirón Mariñeiro é unha das citas máis concorridas dos festexos. CARMELA QUEIJEIRO

A Moreniña quenta motores en Rianxo

16 ago 2024 . Actualizado a las 18:26 h.

Xa queda menos dun mes para vivir unha das grandes celebracións da comarca, a Festa da Guadalupe en Rianxo. E os organizadores acaban de dar a coñecer as actividades que encherán de troula a localidade durante oito días. Os festexos comezarán o venres 13 de setembro co tradicional chupitaso. Antes, terá lugar o pregón a cargo do deportista local Adrián Mosquera e unha festa con temática dos anos 80 coa banda de versións Virtual Project. De madrugada, a música a porán Abi Pinchadiscos e Bruno Deejay.

Na xornada do sábado 14 a Banda de Música de Vilatuxe inaugurará a mostra de bandas de música populares, e as agrupacións Trécola e Fogo Fatuo e a charanga Louband animarán as rúas. A praza da Manuela acollerá un escape room ambientada nas viaxes de Julio Verne, con aventuras ás 11.00. 13.00, 16.00, 18.00 e 20.00 horas para equipos de ata seis xogadores. Non faltará o certame de corais nin a clásica verbena sinfónica, protagonizada pola Escola de Música de Rianxo.

Día da Procesión

A Banda de Arca, Buxaina e Vai de Roda porán o ritmo polo día o domingo 15, nunha xornada sempre moi especial porque A Moreniña sae ao mar en procesión trala misa solemne. Ademais, terá lugar un colorido espectáculo con drons, e Players e Finisterre farán bailar aos rianxeiros.

Juadalupeñas

A praza de Castelao tinguirase un ano máis das cores das camisetas dos grupos que participen nos variados e divertidos xogos que se levarán a cabo o luns 16 nas Juadalupeñas. Tamén desfilará pola vila rianxeira a Bande de Música de Arcade, haberá un xantar popular e volven o Cántalle a Rianxo, da man de Río de Anxo e o Festivaliño. As orquestras Fuego e Kubo soarán na verbena.

Día de Padrón

O martes 17 celebrarase o Día de Padrón, unha cita clásica de unión entre as dúas localidades. Máis alá dos actos institucionais, destaca a actividade dedicada á cultura urbana, que incluirá unha exhibición de kung fu da man do rianxeiro Erik Martín e unha demostración da danza do león. Tamén haberá obradoiros de breakdance e beatbox. E logo CeibaRimas, con actividades de freestyle en galego e actuacións de nove artistas de rap. Pola noite se subirán ao escenario Solara e Banda Gaudí.

 

Día dos nosos maiores

O día 18 comezará con xogos tradicionais e nesta ocasión terá unha novidade, un espazo destinado a actividades relacionadas co mar. Pola tarde, no parque da Martela, volve a Feira do Circo, con casetas de xogos de feira, actuacións e espectáculos. Non faltará a comida dos maiores rianxeiros no seu día nin, a música, con Nunca é Tarde e o trío Alborada. Dúas orquestras moi queridas en Rianxo animarán a verbena: Satélites e América de Vigo.

O Feirón

Un dos días grandes das Festas da Guadalupe é o que inclúe o Feirón Mariñeiro, nesta ocasión o xoves 19, no que a vila se engalana como hai un século para poñer en valor a súa cultura e tradición co mar. Cos veciños vestidos para a ocasión, as rúas serán un fervedoiro nas que estarán de novo os oficios tradicionais e obradoiros participativos. Os Campantes da Baña, Rianxeiras da Covecha e Galega de Bailables e Maruxa e Coralia protagonizarán a Noite Folc. E para os que prefiran outro estilo, poderán gozar cos ritmos que impriman as orquestras Cinema e Gran Parada na verbena.

As bengalas

Todo chega ao seu fin, incluso a Festa da Guadalupe. O venres 20 tocará despedida coa entoación de A rianxeira nunha praza de Castelao iluminada polas bengalas. Pero antes de que iso ocorra, os máis pequenos o pasarán en grande porque durante toda a xornada haberá actividades dedicadas a eles, como poden ser unha xincana xigante e unha festa da escuma. As máis molonas de Pakolas, un espectáculo que o artista puxo en marcha este ano, animará a verbena infantil.

Mar de Arousa, Saudade e Charleston serán as orquestras encargadas de guiar A rianxeira para que as miles de persoas que ateigarán a praza de Castelao a canten. Logo seguirá a festa ata altas horas da madrugada e despois, a descontar os días para a seguinte Guadalupe.