![Ana, unha das integrantes da comitiva, puido facerse unha idea de como é o dolmen de Axeitos tocando unha maqueta<span lang= es-es >. </span>](https://img.lavdg.com/sc/V80Mkki42mLkqTuOW2WdxcHkxTM=/480x/2015/02/07/0012_201502B7C6F1jpg/Foto/B7C6F1.jpg)
A primeira toma de contacto, que tivo como escenario o castro de Neixón, sorprendeu gratamente aos visitantes
07 feb 2015 . Actualizado a las 05:00 h.En Arousa Norte saben ben que a mellor maneira de testar a súa oferta de turismo accesible é mostrándolla aos destinatarios deses paquetes e aos profesionais que actúan de enlace entre uns e outros, por iso, esta fin de semana terán ocasión de vivir esta experiencia sensorial os responsables de coordinación de programas vacacionais da ONCE de distintas comunidades autónomas. A primeira toma de contacto, que tivo como escenario o castro de Neixón e o seu centro de interpretación, foi suficiente para sorprender gratamente aos visitantes.
A xerente da mancomunidade, Irene Maneiro, sinalou que cunha única actividade non se poden sacar conclusións aínda sobre o resultado da visita, pero si dixo que o percorrido pola historia castrexa de Neixón da man do arqueólogo Víctor Barbeito resultou sorprendente e moi interesante para os representantes da ONCE. De feito, a estadía no xacemento boirense, na que tamén participou o presidente de Arousa Norte, Juan José Dieste, alongouse máis do previsto polo interese dos participantes porque interactuaron durante toda a visita. «Veñen buscando actividades diferenciadas, accesibles, si, pero demandan un turismo máis cultural e estanse mostrando moi interesados na nosa oferta», indicou Maneiro.
Amplo programa
Arousa Norte está a demostrar que é posible ofrecer paquetes turísticos de calidade e accesibles para as persoas con discapacidade, e durante a xornada de hoxe o grupo que chegou onte a Barbanza terá ocasión de seguir comprobándoo. Por diante agárdalles unha intensa xornada que comezará coa visita guiada ao mirador de Valle-Inclán.
Logo irán ao dolmen de Axeitos, que poderán palpar de admirar despois que coñecelo onte a través da maqueta que se exhibe en Neixón. O parque natural de Corrubedo, a ruta sensitiva do mexillón e o Museo Valle-Inclán son outras das actividades previstas no programa.