O día despois e a negociación dos pactos electorais

Ciprián Rivas

RIBEIRA

30 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Se miramos o mapa electoral das bisbarras de Barbanza, Noia, Muros e do municipio de Mazaricos veremos que non hai grandes mudanzas, constatándose que o elector desexa poucos experimentos nos seus concellos. Ao non acadar maiorías absolutas os partidos abócanse a negociar o que non obtiveron nas urnas. A Pobra, Muros e Boiro conforman o triángulo onde poden existir sorpresas e os alcaldes actuais xa están conformando cos seus equipos os eixos centrais das negociacións.

Porto do Son, Mazaricos e Lousame asumiron a estabilidade política para enfrontar catro anos de goberno que se presumen apracibles. Non acontecerá o mesmo en Ribeira, onde estas últimas eleccións vivíronse cunha agresividade que lembraba épocas pretéritas. Así, a dereita acada o seu mellor resultado: 16 concelleiros. Nove o PP de Ruiz Rivas e sete o PP de Vicente Mariño, facéndose forte nas parroquias de Aguiño, Castiñeiras e non tanto en Oleiros, tal como prevían, mentres que Ruiz obtén os seus mellores resultados no casco urbano e en Palmeira, parroquia á que se vincula o propio Mariño de Bricio por razóns familiares e Torres Colomer, político en postos institucionais do PP orixinal ata hai uns meses, e que segundo a prensa madrileña estaría detrás da división do centro dereita da capital do Barbanza.

¿Mantén a dereita un número tan amplo de votos para acadar tantos concelleiros? A resposta é negativa. Ruiz Rivas sumou votos da esquerda, o que provoca a perda de dous concelleiros ao BNG, ao PSOE, un, e causa a desaparición do IPdeR de Rosa García, quen se mantivo no Concello durante catro mandatos, e de Ciudadanos, que no 2015 acadou tres concelleiros e na actualidade non ten representación na corporación local, aínda que Asier Casais, o seu líder daquela, terá asento na bancada do PBBI, o mesmo que os seus colegas noutrora seguidores de Fraga e Feijoo. Entra Suma Ribeira, cun concelleiro.

As negociacións para gobernar en Ribeira comezaron o luns. O PBBI explora ao BNG e ao PSOE para gobernar en formato tripartito e desbancar do goberno ao PP orixinal. E con isto regresarase á política do «ti fai» que tan mal resultado aportou a unha cidade que deixou de medrar polo abandono dos seus gobernantes.

Ruiz Rivas terá que seducir aos seus posibles socios, tanto entren no goberno como non, cunha nova maneira de liderar un Concello que ten de aquí ao 2023 retos dabondo como para non perder o tempo, entre eles, a nova circunvalación por San Roque, a ampliación do polígono industrial ou as melloras que debe acometer o porto pesqueiro e a posta en valor non só da lonxa, senón dos produtos de proximidade que alí se cotizan e que poden colocar a Ribeira nos mellores centros de restauración do mundo.

Vázquez Cobas, candidato do BNG nos pasados comicios, puxo o seu cargo a disposición e, así, ofrece unha lección de como entender a política. Parabéns e moita sorte. Mentres, os ribeirenses pregúntanse quen pagou a campaña do PBBI, que foi, con diferenza, a máis cara de todas.