A Odisea no Atlántico

RIBEIRA

matalobos

19 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Non imos redundar agora niso de que a Odisea é unha novela que, disfrazada de aventuras fala da condición humana, da busca do benestar e do retorno ó seo familiar. Das ansias que nos moven, do afán de triunfo e dos imperativos de todo tipo que o impiden e atrancan. Supoño que todas as páxinas deste periódico escritas con letra miúda non serían suficientes para falar desta obra. Ó final a pregunta que nos podemos facer é quen foi realmente Ulises, ou Odiseo. Quitádelle a armadura e veredes a un home que deixa a súa casa na procura de fortuna, que case se empeña para poder viaxar con intención de retornar da súa emigración, prolongada en máis do que tiña pensado, para afrontar unha vellez sen coitas a carón dos seus, coa mesma mentalidade de calquera emigrante capaz de sacrificar o benestar do presente, a compaña da esposa e a toda a familia coa esperanza de gozar con eles os anos máis difíciles de calquera existencia. Un emigrante que se ve obrigado a adiar o ansiado retorno por unha serie de vicisitudes que o alongan inesperadamente e contra os que loita ata vencer a preguiceira comodidade que algunhas veces o engaiola facéndolle perder ata a memoria de si mesmo. E cando volve non o identifican, porque a viaxe e o tempo cambian ás persoas e bórrase a lembranza, pero el si vai recoñecendo a todos, relembrando os lugares patrios tantas veces ansiados na súa soidade e sabe de quen lle foi fiel na ausencia e quen non.

Certamente, esta obra ten múltiples lecturas e cada quen vén facendo a súa practicamente desde o mesmo día que Homero lla contou a un grupo de feirantes na praza de Esmirna, Atenas, Ítaca ou calquera dos moitos lugares que reclaman a súa cidadanía. Tamén nós, no noso parladoiro dos xoves fixemos a nosa particular relectura despois de que alguén lembrase a un parente que emigrou ós Estados Unidos con intención de volver en poucos anos, pero finalmente aló ficou con esposa, fillos e netos adoecendo de morriña pola casa familiar, ou aquel outro que ó final da súa vida puido retornar para morrer nada máis pisar a soleira.

Tamén sobre a post-Odisea se fixeron moitas historias e contos, tratando de describir a vellez de Ulises. E como a literatura é un retrato, mellor ou peor acabado da sociedade, sempre se contou tomando como exemplo a eses vellos que asollan coa vista no horizonte, lembrando as pasadas aventuras para evitar a soidade e disimular a morriña.

A Odisea pode ser a grande novela do Mediterráneo, pero moi doada de trasladar ó noso Atlántico, este mar de múltiples fronteiras que nos espallou polas súas ribeiras e máis aló, de norte a sur e de leste a oeste. A Odisea tamén é a novela máis plaxiada, adaptada e imitada de toda a literatura, xa sexa parcial ou totalmente, adaptándoa ás peculiaridades de cada lugar; e no que todos coincidimos é que podemos achegarnos a ela coma se estivésemos mirando a través dun vidro tinxido da cor do noso país, os mesmos feitos, aventuras e dores dos nosos emigrantes, porque se ben é certo que no século sétimo antes de Cristo o Mediterráneo era o cento do mundo, para nós, incluso antes de que se descubrise América, o centro do mundo era o Atlántico, por onde se aventuraron desde os tempos dos gregos e fenicios todos os viaxeiros que procuraban achar un lugar onde a fortuna lles sorrise.