Arte no museo e no Parlamento

Gonzalo Trasbach
Gonzalo Trasbach IN MEMORIAM

RIBEIRA

matalobos

16 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Mércores, 29 de xaneiro. Érgueste. Miras pola ventá. Chove e venta. De súbito, decides ir visitar o Museo do Gravado. Colles o coche e atravesas Escarabote antes de entrar na autovía cara a Artes. Chegas, aparcas e recíbeche Xoán Pastor, o director do centro de arte de Ribeira. Na terceira sala están expostas as litografías de Henri de Toulouse-Lautrec (1864-1901). Coñecido sobre todo pola súa faceta como pintor dos ámbitos bohemios e máis sórdidos e marxinais de París, o artista francés comezou a súa andaina coma litografista a partir de 1891 e adquiriu a súa maior perfección neste eido entre 1893 e 1900. A este período pertence a colección que, baixo o título de Elles, exhibe o Museo de Artes, unha colección na que se amosa a atención que lle prestou ao mundo das mulleres, mais non no senso erótico, sexual e sensual, senón na súa actividade cotiá.

Os gravados de Luís Seoane (Bos Aires, 1910-A Coruña, 1979) ocupan todo o espazo dos outros dous andares do edificio, onde o Museo, a través desta ampla e variada exposición, rende unha sentida homenaxe aos gravadores galegos. Mentres percorrías as salas que albergan o múltiple material do polifacético artista coruñés, pensaches na última vez que miraches algunhas obras de Luís Seoane. Foi o 3 de xuño do 2019, recordaches. Si. Con motivo da presentación do libro e programa da TVG Anecdotario do Parlamento galego, do que é autor Xesús Fontenla. Da man do amigo Manuel López entraches por vez primeira no edificio da institución e, percorrendo os corredores, despachos e currunchos, quedaches asombrado da enorme colección de arte que colga das súas paredes ou vibra e alumea nas súas viravoltas (dende pinturas, esculturas até vidreiras, entre outras formas artísticas).

Nun deses espazos tropezaches coas obras do artista, escritor e activista cultural coruñés que mantivo unha fonda amizade con Carlos Maside e Isaac Díaz Pardo, un conxunto de mulleres, tres pezas firmadas nos anos anteriores á chegada da democracia. A primeira é Mujer con corsé, obra mixta en pastel; a segunda, Figura femenina sentada, óleo sobre lenzo de 1958; e a terceira: Mujer sentada, óleo sobre lenzo de 1974. No Parlamento tamén se conserva o cartel da Árbore xenealóxica da cultura galega.

E mentres lembrabas aquel marabilloso paseo polo edificio parlamentario, viñéronche á memoria as palabras que pronunciou o presidente da institución autonómica na presentación doutro libro memorable e fantástico, unha xoia titulada Colección de arte do Parlamento de Galicia. Miguel Santalices Vieira falou da súa aposta por abrir a institución á sociedade, pero sobre todo de dar a coñecer «a colección que atesoura, unha das máis valiosas e variadas coleccións públicas da arte galega contemporánea...». Un tesouro, subliñou, que, en suma, «é de todos, e tamén é unha ferramenta poderosa de difusión da nosa cultura...».

E andando entre as litografías e gravados do Museo do Gravado de Artes, volviches sentir o latexo da presenza das cousas salvaxes que alentan nas obras que viches entón e ves agora; e novamente contemplas o delirio das cores, e escoitas a fala anómala dunha terra convulsa, que treme por debaixo das convencións. Pois ben, se tanto en Ribeira coma no Parlamento temos unhas poderosas ferramentas de difusión da nosa cultura, que facemos que non as empregamos como nos piden baixiño as obras que ambas as dúas institucións atesouran?.