«Temos que seguir traballando, provocando que exista conciencia lingüística e que todos desexemos falar galego»
RIBEIRA
Alicia Padín é a Coordinadora a Rede de Normalización Lingüística de Galicia. Considera prioritario divulgar o uso do galego, sobre todo entre os máis novos
23 nov 2020 . Actualizado a las 19:02 h.Xa choveu, e moito, desde aqueles Séculos Escuros nos que o galego foi anulado como lingua, pero os seus efectos perduran hoxe en día. Por iso son imprescindibles as ferramentas e as iniciativas que buscan promover o seu uso, sobre todo por parte das novas xeracións. Con este fin nacía, hai unha década, a Rede de Dinamización Lingüística de Galicia, un ente vinculado á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que, desde decembro, está coordinado por Alicia Padín. Ela asume o reto mentres continúa co traballo como normalizadora que desenvolve en Ribeira desde hai 15 anos.
-Cal é a misión dun normalizador lingüístico?
-Conseguir que a xente teña conciencia lingüística, que saiba que temos un idioma que hai que defender. Para iso, ademais de tarefas de divulgación hai que levar a cabo actividades de asesoramento e de formación, pois hai persoas que non foron educadas en galego ou que proceden de países estranxeiros.
-A Rede é entón similar, pero a nivel Galicia.
-Si, do que se trata é de coordinar accións para os máis de 200 concellos que están adheridos actualmente, aos que hai que engadir diversas asociacións e fundacións. Tamén se busca que a totalidade dos municipios de Galicia formen parte dela para que a estratexia sexa común en toda a comunidade.
-Cales son esas accións que promove a Rede?
-O groso son propostas concretas de dinamización lingüística, como obras de teatro, concertos e obradoiros. Este ano hai un programa especial, xa que por mor da pandemia, a Xunta buscou unha fórmula co fin de dinamizar o sector cultural e creouse o fondo Xacobeo 21. Depende da Secretaría Xeral de Política Lingüística e tradúcese nun investimento de 1,5 millóns de euros. Son máis de mil actividades.
-Está tan enfermo o galego como para precisar deste tipo de impulsos?
-A presión por parte da lingua teito, o castelán, é moi forte, se ben é certo que, das linguas minoritarias de toda a Península, a nosa é a que máis se emprega. Sempre temos unha perspectiva moi negativa, pero non é real. Nós usamos moito o galego e estamos preparados para empregalo, aínda que si é importante traballar coas novas familias para que lles falen galego aos seus fillos. É fundamental que a lingua pase de xeración en xeración.
-Constitúen os nenos o colectivo máis vulnerable?
-Ten que existir unha transmisión interxeracional e os nenos teñen que ver o galego como o seu propio idioma. Niso é o que temos que incidir e é aí onde non podemos baixar a garda. É coma unha planta que hai que empezar a regar cando nace.
-Segue existindo unha gran diferenza entre a zona rural e a urbana?
-Por desgraza, si. O castelán fai máis presión canta máis xente se xunte, sen máis. Ao existir un intercambio de poboación maior é máis habitual que haxa ocos nos que se perda o emprego da lingua. Temos que seguir traballando, provocando que exista conciencia lingüística e que todos desexemos falar galego, porque ese é o noso gran tesouro.
-Pero aínda hai quen se resiste a empregar o galego por consideralo inferior...
-Claro que hai e non se entende. Hoxe en día, ningunha persoa culta debería atreverse a falar en público en castelán, porque sería ir contra nós mesmos e contra o noso. O dominio da lingua non vale de escusa, porque moi poucas persoas carecen de formación para non poder falalo.
«A nosa lingua goza en Barbanza dunha saúde mellor que a media»
Consciente de que a situación do galego sempre podería ser mellor e de que as actividades que se fan para promover o seu emprego nunca serán suficientes, Alicia Padín amósase positiva á hora de analizar o presente e de mirar cara o futuro.
-Como se atopa de saúde o galego en Barbanza?
-A nosa lingua goza en Barbanza dunha saúde mellor que a media. En Ribeira por exemplo, calquera que chega de fóra, o primeiro que fai é tratar de aprender o galego, porque sabe que de outro xeito, nin compra nin vende. Pero aínda así, non se pode baixar a garda. O máis importante é darlle visibilidade.
-Pode resultar prexudicial a pandemia, pola redución de actividades culturais?
-No seo das familias, o emprego do galego continúa con normalidade, se ben é certo que houbo unha redución importante da oferta cultural. Pero iso non só lle prexudica ao galego, que tamén, senón que inflúe negativamente no benestar das familias en xeral e na saúde intelectual das persoas. De aí que sexa moi importante que o galego se empregue nas redes sociais e que se ofrezan en Internet contidos na nosa lingua. Hai produtos excepcionais, como a película O que arde, que propician que o galego se vexa coma unha lingua moi viva.
-Cal é a gran ameaza do galego?
-O único perigo é que nos distanciemos, porque o galego é o que nos une. Hai que seguir insistindo nos nenos e tamén nos neofalantes, persoas que non tiveron o galego como lingua materna ou que proceden do estranxeiro. Sempre é moito mellor unir que separar.
-Amósase optimista de cara ao futuro neste aspecto.
-Si, aínda que hai que seguir traballando, pero iso co galego e con calquera outra lingua minoritaria.