A Cidade

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

RIBEIRA

06 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Visitei o outro día o castro da Cidade, en Ribeira, ao que non subira trala restauración da muralla da croa por parte da empresa Terra Arqueos. Quedou espectacular, e non teño dúbida de que vai camiño de se converter nunha nova icona dos castros do país.

Aínda máis que a paisaxe, o abraiante do castro da Cidade é a súa historia. Todo faría supoñer que este xacemento pertencería á coñecida como Segunda Idade do Ferro, que transcorreu entre os séculos III e I despois de Cristo, unha etapa marcada polo incremento da monumentalización dos castros e o seu desenvolvemento urbano. É o tempo do Trega ou Baroña. A Cidade, como un dos máis grandes do Barbanza, tiña todas as papeletas. Pero o arqueólogo Miguel Vidal, director das intervencións máis amplas, decatouse que pasaban cousas singulares.

Nas 13 cabanas escavadas, Vidal non puido identificar evidencias claras do seu uso como vivendas, nin fogares, nin restos de comida como cunchas ou ósos de fauna, mesmo poucos anacos de cerámica. O feito de que moitas das cabanas deran a unha especie de patio e certas evidencias de metalurxia do bronce fan propoñer que esa croa, o espazo máis protexido do castro, fose en realidade unha área artesanal. Como un obradoiro fortificado. E o máis intrigante: os arqueólogos puideron datar o uso do castro entre os séculos VII e V antes de Cristo. Cando A Cidade foi abandonada, moitos dos grandes castros que coñecemos e visitamos aínda estaban por se construír. É algo moi notable.

Animamos ao Concello de Ribeira a seguir profundando nesta historia única.