Pushkin e as supersticións

Francisco Ant.Vidal LINGUA PROLETARIA

RIBEIRA

Bernardo Codesido

19 jun 2021 . Actualizado a las 05:05 h.

Cando Xulio era alumno do instituto de Ribeira tiña por costume subir ó primeiro piso en tres ou catro zancadas, e para baixar bastáballe con dúas. Por moito que o conserxe o advertise, que calquera día poñía mal un pé e partiríase a cabeza, a columna ou unha perna, non facía caso. O mesmo don Bernardo tenlle chamado a atención en clase, pero el tíñase por moi bo atleta e tales advertencias non lle afectaban; ata que un día caeu nas súas mans unha revista con horóscopo, onde se dicía que os nacidos baixo o signo de Acuario terían un accidente na escaleira do seu lugar de traballo.

Tomou tan en serio o anunciado por unha revista de máxima difusión, que ata creu que o mesmo goberno debería advertir ou prohibirlle a todos os nacidos en Acuario subir ou baixar escaleiras durante esa semana como remedio preventivo. E el mesmo, desde ese día, deixou de facer tales exercicios. Así de real é o poder das supersticións. Pero tamén aprendeu daquela que a «máxima difusión» non sempre é verdade absoluta.

Viña isto a conto falando de Pushkin, o famoso autor ruso que, en certa ocasión, viaxando para encontrarse cuns amigos nunha reunión secreta de oposición ó goberno, cruzóuselle unha lebre no camiño e entón decidiu dar volta. Esa noite prenderon a todos os seus amigos e mandáronos ó cárcere ou ó exilio, e el convenceuse de que salvara a vida porque a natureza dá sinais de advertencia.

As supersticións teñen esa dose de egoísta prevención, sen embargo non quixo ser supersticioso cando os pais da súa moza accederon a darlle permiso para casar e durante a cerimonia tivo tres avisos de mala sorte: primeiro apagouse a vela que iluminaba o rito, despois caeulle ó chan o anel da noiva e finalmente caeu a cruz que presidía a cerimonia. Todo un aviso polo que calquera outro, en tal caso, suspendería a voda, pero Pushkin estaba tan namorado que por unha vez na súa vida quixo vencer eses medos irracionais que soamente serven para xustificar a covardía.

Realmente a súa esposa era moi guapa e a pesar de estar casada non deixaba de ser o centro de atención nalgunha das moitas celebracións e algaradas de sociedade a que asistía. Tanto así que as malas linguas chegaron a dicir que o mesmo zar a seduciu. E se unha moza coma ela era do gusto do zar, outros quixeron imitalo coma quen copia o vestido da raíña. E contra esas malas linguas e desconfianzas tivo o bo Pushkin que pelexar na súa vida de casado desmentindo calumnias e envexas.

Pero a señora tivo a mala sorte de coincidir nunha daquelas festas co militar francés Georges d'Anthes, que viña sendo o protexido e amante secreto do embaixador holandés, quen, para tapar a súa relación, fíxose pasar por amarte da Pushkina, e dado que o marido non portaba por eses contos, alguén, con ganas de provocar e aguilloar, mandoulle un anónimo que se fixo público. Ante iso, o honorable Pushkin non tivo máis remedio que retar ó militar e citáronse pistola en man, con tan mala sorte que a arma do esposo afrontado atascouse e o francés disparoulle á barriga e feriuno mortalmente.

Ó final, alomenos para esta ocasión, Pushkin tiña razóns para ser supersticioso e debería ter suspendido a voda.