Agradecemento aos empresarios

Juan José Martínez CAIXA DE CORREO

RIBEIRA

18 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai pouco, neste este diario saíu publicada unha nota de prensa enviada pola Asociación de Empresarios de Ribeira, manifestando o seu apoio aos pescadores deportivos, pola grave situación que estamos pasando a consecuencia dunhas novas normas calamitosas que limitan extremadamente a práctica deste deporte nas radas dos portos. Eterno agradecemento aos empresarios, sensibles co noso problema, entidade que sempre está ao lado das reivindicacións que cremos xustas.

Somos coñecedores da rigorosa lei promulgada no ano 1999, onde se regulaba a pesca de recreo e deportiva, tanto que nos converteu dunha hora para outra en infractores a miles de pescadores deportivos que viñamos practicando este deporte dende sempre sen ningún tipo de problemas. Ante esta situación, que nos impedía esta actividade recreativa cos nosos fillos e netos no tempo libre nos peiraos, as autoridades reflexionaron e conscientes dos prexuízos que esta lei nos ocasionaba, decidiron con bo criterio ser flexibles e esixirnos que estiveramos ao corrente da licenza da pesca deportiva expedida na Consellaría de Pesca.

Estabamos felices e contentos, que é ao que aspiramos os xubilados cando nos levantamos pola mañá e miramos para o ceo a ver se o tempo nos permite practicar o noso deporte da pesca, se o estado físico nos deixa. O desgusto foi maior cando nos decatamos que se regula a pesca deportiva prohibindo esta actividade en 107 dos 122 portos de titularidade autonómica, co obxectivo de aportar seguridade aos afeccionados á pesca recreativa, debido á demanda social e ao marcado carácter estratéxico do dominio público portuario.

Sabía que en España se promulgaban cada ano máis de 12.000 novas lexislacións coas conseguintes normativas, pero esta do 7 de agosto do 2021, que asegura que nos aporta seguridade facéndonos un favor, a verdade é que nos expulsa como se foramos apestados, para que vaiamos a pescar aos acantilados de Corrubedo, co perigo que supón a práctica desta actividade nesta zona rochosa. Eles terán que asumir a responsabilidade que se derive desta nova normativa.

Queda clara a demanda social que provoca a reforma da Lei do 99 que sobre o papel parece que nos beneficia. Estarán satisfeitos de mandarnos para os bancos da alameda, vendo pasar o tempo, pingando o moco e babeando por mirar para onde non debemos. Botamos de menos o apoio da Confraría de Pescadores de Ribeira, que esperamos non sexan parte da demanda social na que se apoiou a Consellaría para cambiar a normativa que tanto prexudica ao noso colectivo de pescadores deportivos. Así, como a Xunta reclama que a política pesqueira sexa elástica con Galicia, nós reclamamos o mesmo para evitar que nos incauten os aparellos de pesca e nos sancionen coa metade da nosa pensión por pescar nos caladoiros tradicionais. Juan José Martínez. Ribeira