O traballo de Xosé Antón Parada contou cunha gran acollida na súa presentación
12 nov 2022 . Actualizado a las 18:46 h.A presentación do libro Código de Hammurabi e outras compilacións legais de procedencia babilónica, tradución da autoría de Xosé Antón Parada, xuntou no Centro Cultural Lustres Rivas de Ribeira tanta xente que a sala quedou pequena. Todos os asistentes foron uns privilexiados, pois convertéronse en testemuñas dun feito histórico para Galicia, como sinalou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, porque o que alí se daba a coñecer é a tradución dun documento histórico, aínda que fose escrito nunha pedra de basalto negro.
E foron tamén privilexiados por asistir a unha clase maxistral a cargo dun xenio, cualificativo que non procede do cronista, senón dos que tomaron a palabra, que concluíron que só un xenio é quen de traducir o Código de Hammurabi dunha lingua semítica ao galego, convertendo a obra nunha xoia única.
O autor, de forma didáctica e divertida, explicou que a tradución é consecuencia dun traballo de moitos anos, que empezou sendo estudante, pero que tivo un impulso definitivo coa chegada de internet, o que lle permitiu entrar en contacto con outros especialistas cos que intercambiou investigacións.
Detallou aos presentes a importancia do Código de Hammurabi, porque é o documento máis antigo que existe no que se redactaron as leis, e fíxose na Mesopotamia na que empezou a escritura, o gran invento da humanidade, confirmou Xosé Antón Parada.
Para que o público entendese a importancia do documento, contextualizou a súa elaboración nun mapa antigo e, a continuación, explicou o proceso da escrita a través de símbolos gravados na pedra, e como, a través da transcrición, interpretación e tradución confeccionou a súa obra.