Mozas e gasolina

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

RIBEIRA

La SBC de Ribeira es una de las estaciones más económicas, con el diésel a 1,779 euros el litro.
La SBC de Ribeira es una de las estaciones más económicas, con el diésel a 1,779 euros el litro. SAINZA PARDAL

04 oct 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Leo a noticia neste xornal de que as rapazas que atenden nunha coñecida gasolineira de Ribeira van ir ao paro ante a confirmación da sentencia que obriga a desmontar o establecemento e é inmediato non sentir unha corrente de simpatía enorme; non só por unhas traballadoras que perden un posto de traballo, senón porque esa foto do grupo de traballadoras que aparecía no xornal, tan sinxela, sería imposible hai dez anos.

Cando eu comecei a conducir —e moitos de vostedes tamén— o mundo das gasolineiras era masculino, como todo o que rodea o motor. Hai que ter moita moral para atender nunha gasolineira, que é un dos oficios, xunto co de enterrador ou o de médico, polo que ten que pasar todo o mundo.

E todo o mundo quere dicir o bo e o malo. Diría que a chegada das donas foi relativamente rápida. Dun ano para o outro, de súpeto había mulleres soas atendendo gasolineiras pola noite; no medio dos páramos de Castela ou nun arrabalde urbano. Cada vez que as vía pensaba no peito que lle botaban a estar aí con tanto túzaro solto. Pero non se botaron atrás.

Prestamos moita atención aos cambios nas cúpulas directivas de empresas e institucións, onde como no resto da sociedade, fica case todo por cambiar pero todo é máis visible.

Pero eu non desbotaría como o gran cambio da nosa época que os homes admitan que tamén as mulleres nos poidan recomendar pneumáticos ou poñer a gasolina. Mentres non prendan un chisqueiro, como ás veces nos mereceriamos, todo vai ben.