A Enciñeira é unha parroquia do concello de Quiroga con pouco máis de vinte habitantes e todos de idade avanzada, onde un día decidiron converter unha antiga escola, agora sen alumnos, nun bar que funcionaba como local social. Ó final, talvez por escaseza de clientes, pensaron que era mellor adaptalo para un centro onde velar ós finados, con cafeteira acendida, e así non ter que desprazarse ó tanatorio que queda na capital municipal.
Antes de rematar a pasada lexislatura, houbo un acordo maioritario no Congreso dos Deputados entre dereitas e esquerdas, os do centro e os periféricos, para declarar ós bares, tabernas e tendas rústicas de interese social polo papel que xogan como centros de cohesión na cada vez máis escasa poboación rural. Por fin, e sen que sirva de precedente, urbanitas e ruralistas puxéronse de acordo. Non era para menos, ós primeiros aínda lles gusta entrar nesas exóticas tabernas de aldea e ós segundos porque é do pouco que lles queda con vida.
Cada cidade e cada vila ten o seu bar de referencia, ese lugar onde reunirnos cos amigos, onde falar, discutir e parlamentar ata chegar a algún acordo, ese lugar emblemático onde, segundo o tipo de discutidores que se acollen a el, sexan peñas de fútbol ou de faladoiro político ou literario, sempre tes un amigo con quen consultar unha dúbida, sexa económica, legal ou médica, sen que che pasen a minuta; tamén onde deixar a bolsa da compra mentres facemos outros recados, ou onde prefires ver o partido do teu equipo favorito mellor ca no salón da túa casa.
E digo bares cando podía dicir tabernas ou aquelas tendas das que aínda queda algunha, onde podías mercar unha ducia de patacas, tomar un clarete e botarlle unha brisca sen saír fóra. Cada un destes locais danlle vida ás vilas onde se asentan.
Estoutro día, nunha taberna de Paiosaco (A Laracha), un seareiro entrou para informarse de como fora a feira do domingo, en Nadela encontreime, sen pretendelo, metido nunha discusión por ver se as troitas de antes eran mellores ou peores que as de agora, e nunha taberna da parte de Soutelo, asistín a unha chamada de auxilio porque un veciño acababa de caer mentres podaba, e todos os seareiros saíron para botar unha man sen que a taberneira lles obrigase a pagar antes a consumición. O primeiro é o primeiro, diríame ela uns días máis tarde. En Palmeira houbo nun tempo unha taberna, «a de Maior», onde se dispoñía da «xerra do navegante», da que, cando chegaba algún mariñeiro a pasar uns días de permiso, invitaba ós presentes a brindar bebendo dela mentres os animaba contando as súas vivencias.
Aínda quedan moitos destes bares ou tabernas rurais onde podes deixar un recado ou unha carta coa seguridade de que chegará en tempo e forma ó seu destinatario, onde, preguntes por quen preguntes, sempre haberá alguén que che dea cadras.
Son verdadeiros motores da economía local, como dixeron cando presentaron a citada proposta no Congreso, pero eu diría que tamén son un aglutinante social, polo que, tanto os bares como as tabernas do rural, ben poden ser declarados bens de pública necesidade, verdadeiros fomentadores de vida, antes de que se convertan en tanatorios.