
O veciño de Palmeira, artesán zapateiro e fundador de Calzados Horacio, faleceu aos 92 anos
27 dic 2024 . Actualizado a las 14:17 h.Nacido nunha aldea de Ordes, viviu tres veces máis anos en Palmeira que na súa parroquia de nacemento. Era un gran palmeirán.
Este intelixente e bo artesán zapateiro, pai de catro mulleres e tres homes, xunto coa súa dona Lourdes, foi quen de montar e manter unha saga no comercio do calzado. Traballador infatigable, pasou de remendar e facer zapatos ata rexentar tres zapaterías e participar en cantos mercadillos había pola redonda. «Eu debín empezar o oficio cando aínda non había tornillos». Acostumaba dicir coa súa natural simpatía.
Comecei a tratar a Horacio cando, con 16 anos, xunto con outros amigos, convertíamos a súa artesán zapatería en centro de reunión. Alí falábase do humano e do divino e como el me ten dito recentemente: «Lémbrome cando viñas de buscar pintura para pintar unha porta, púñaste a falar con nos e ese día xa non pintabas». Daquela Horacio era un mozo de 30 anos cheo de sabedoría.
Xa con 62, tiven a honra de que participase como vogal na asociación Palmeira Futuro. E foi Horacio quen nos levou a coñecer o escultor ferrolán Guillermo Feal, artífice da escultura pétrea Monumento ao emigrante, inaugurada no 1998 e que, desde o ciclópeo castelo, converteuse nun referente de Palmeira. Contábame Horacio con certo rubor que, facendo a mili en Ferrol coñecera a Feal, pois servíralle de modelo corporal da famosa escultura do Cristo ferrolán. Sei que non che parece mal que o descubra agora.
Estou convencido de que Horacio tivo unha xubilación feliz. E ata era quen de rir falando dos seus pequenos problemas físicos cos seus xeonllos: «Son cousas da vellume», dicía. Cando nos viamos, tan só laiabamos non ter tempo de ir apañar os grelos a súa aldea. «Hache gustar, e quixera que escribiras algo sobre do lugar onde nacín». Entre a pandemia e a choiva non atopamos o momento para ir os tres. Si; debíamos ir: o seu gran amigo Santi, Horacio e máis eu.
Xa verás querido Horacio, calquera día iremos alá e ímonos fartar dos famosos grelos da túa terra de crianza. Descansa en paz como te mereces, e grazas pola túa amizade.