Que Antonio Basanta sexa asesor do comisario de pesca europeo é dunha importancia enorme
09 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Sen ningunha dúbida, o mar xa non é o que era.
Ergo: Ribeira non é o que era. Pero non é así. Este porto continúa a ser un dos máis importantes de España, e polo tanto de Europa, en pesca de baixura. Á agarda de afinar aínda máis datos, rematado xa o ano 2024, e contando co balance do pasado mes xullo, a rula levaba vendidos máis de 11 millóns de quilos de peixe, superando a Vigo e A Coruña.
No contexto actual, con perda da flota, escaseza das cotas de especies como a sardiña ou o xurelo, o relevo xeracional sen arranxar e o descenso de consumo de peixe de mar polo de acuicultura, debuxa un escenario onde a perda de peso do sector traerá consigo un cambio de paradigma na economía da cidade e na súa área de influencia.
En datos do 2023, explicaba o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, que Galicia comercializou 126.000 toneladas de produtos da pesca, o que representou unha facturación ao redor de 412 millóns de euros. De Ribeira saíron unhas 29.000 toneladas; seguida da Coruña, 24.500; Vigo 22.900; Burela, 13.000; e Celeiro, 12.800. A pregunta que xorde é si este contexto de descenso de capturas e consumo de peixe, perda de flota, falta de relevo xeracional e cotas limitadas de capturas de diferentes especies, permitirá seguir nesta liña ou asistiremos a unha caída en picado do sector, tal e como auguran algúns expertos.
O nomeamento de Antonio Basanta, ex director xeral de Pesca da Xunta, como asesor do comisario de pesca europeo, Costa Kadis, é dunha importancia enorme cara a poñernos en valor como comunidade punteira e de vangarda na Unión Europea.