Ó pé do santuario muxián hai dúas rochas que se poden corresponder co monumento Desde tempos moi remotos, chégannos de diferentes fontes datos sobre a existencia da Barca da Virxe varada nas pedras, da punta chamada do mesmo modo ou punta da Xaviña, en Muxía. Pero de forma escrita, desde que existe a fotografía, hai dúas vertentes, que toman dúas pedras diferentes como a do timón. Sen embargo, ¿cal é o timón da Barca? A Pedra do Timón é a terceira en importancia nesta fin da ruta xacobea desde hai séculos, rocha lendaria e mitolóxica. Terceira, trala de Abalar e a pedra dos Cadrís.
17 jul 2000 . Actualizado a las 07:00 h.Segundo o historiador e catedrático Xosé Antón Castro, «a Pedra do Timón está íntimamente unida ás outras, aínda que non se lle atribúen funcións específicas». Xa no século XV a citan os peregríns e viaxeiros, e no XVIII o padre Villafañe di dela que «...representa la figura de un timón de nave, de tamaño proporcional...». Na Mitoloxía en Madrid, E. Torner (periodista e escritor) di no tempo da República que «tocar ou bica-lo timón produce tamén felicidade». Con tódolos datos que existen do pai Juan Villafañe (1740) o pai Martín Sarmiento (1745), o noble alemán Erich Lassola de Stoblovo (1580) e de moitos outros, pódense dicir contos que escribiron antes e nos nosos tempos, pero o que non se pode é asegurar con certeza cal é o timón da Barca. Por unha banda, a cinco metros ó nordés da Pedra de Abalar existe outra que é a viva imaxe dun timón, de codaste, dos que van enganchados na parte final da popa da nave totalmente sumerxidos. Un dos expoñentes do apoio desta rocha como timón da Barca é Antón Castro, que ilustra cunha foto desta pedra o seu libro Muxía, Finisterre, a Ruta Xacobea e santuario de culto ás pedras, editado co gallo do cincuenta aniversario da coroación da imaxe de Nosa Señora da Barca.