O grupo local Osiris foi a gran sorpresa dun festival que congregou a varios centos de persoas
13 jul 2002 . Actualizado a las 07:00 h.No ano 1990 comezaba o festival cercedense na parroquia de Meirama. Naquel primeiro concerto, grupos coma Mördor (hoxe Zënzar) e Desertores do Arado marcaban un fito histórico. O cambio xeracional era evidente: pasabamos de Manolo Escobar co «me gusta el vino y las mujeres» a un rock and roll acelerado, no que os mozos introducían por primeira vez as guitarras eléctricas nas aldeas. Co tempo, a cita co rock acabou por converterse nunha das máis tradicionais de toda Galicia. Aínda que os recursos foran case sempre moi modestos, por aquí pasaron bandas que agora gozan de gran éxito, como é o caso de Extremoduro. Dende o inicio, no que moitos veciños desconfiaban da pequena lexión de «guedelludos e medio androjados», ata a actualidade media un mundo. Xa non sorprende ver familias enteiras diante do escenario ou algún que outro cincuentón bailando ska un pouco subido de voltios etílicos. O venres celebrouse a décimoterceira edición, organizada pola Asociación Cultural Lucerna. Abriron os laracheses Crystal Pain que se encargaron de subir de revolucións ós asistentes, logo os navarros Petazeta, vestidos con saias escocesas, e os madileños Salida Nula. O grupo local Osiris, formado por rapaces de entre 15 e 17 anos, «rachou ca pana» e conseguiron os momentos máis vibrantes da noite, cunha parroquia entregada con eles dende o principio (¿quen dixo que ninguén é profeta na súa terra?). Fechou o festival dj Dr. Think e os seus sons electrónicos. Chegou a hora de deixarse acariñar por Morfeo e mentres a maioría emprendeu esa mesma noite a volta á casa outros mozos optaron por seguir a festa nunha acampada próxima ó recinto. O sábado érguese Cerceda cun ceo gris, case outonizo e a xente pasea pola feira buscando queixos. Entre eles algúns rockeiros madrugadores.