RADIOGRAFÍAS | O |
05 sep 2003 . Actualizado a las 07:00 h.SER TRÁNSFUGA está de moda. Hai pouco máis de tres meses que foron os comicios locais e xa tivemos boas mostras na Asamblea de Madrid, en Marbella, en Porqueira, en Sarria e máis recentemente en Carral. Agora que os alcaldes volven de pasar as vacacións de agosto deberán ter tino en manter ós seus grupos municipais contentos. As patadas nas gónadas soen vir das filas internas porque, entre outras cousas, ninguén coma os amigos para coñecer os puntos febles. En catro anos pasa de todo e, normalmente, o ideal para os que mandan é que non pase nada porque isto último é sinónimo de estabilidade na poltrona. Teño por certo que na comarca hai alcaldes que gardan unha restra de allos nos caixóns do despacho, non vaia ser que a algún concelleiro lle veña unha «tamayite» aguda. Así que, dende xa, deben estar alerta ante posibles movementos sibilinos. Sempre pode haber algún cabreado por non ter dedicación exclusiva. Maquiavelo di no Príncipe «para conservar un bo ministro, débese pensar en el, honrándoo, enriquecéndoo, atraéndoo por medio do recoñecemento e dándolle honras e cargos, a fin de que vexa que non se pode estar sen el (...)». Persoalmente creo que o remedio é peor que a enfermidade. Dende logo estou convencido que moitos políticos, incluso os que nunca leron a este clásico do século XVI, subscribirían estas palabras, sobre todo aqueles que conservan unhas estructuras e relacións de poder preindustriais (aquí non é difícil esta variante). Así que nun caixón a Maquiavelo e no outro unhas cabeciñas de allo. Para os «príncipes» máis supersticiosos, unha consulta nalgunha vidente marcando un número 906 dende a alcaldía...