RADIOGRAFÍAS | O |
08 mar 2004 . Actualizado a las 06:00 h.APARECE NA contraportada deste xornal un artigo do carballés Quico Balay co título de Buño cotiza en Londres . No texto fálanos da iniciativa duns mozos bergantiñáns que se lles deu por probar coa cerámica de Buño en pleno Londres. A nova non fai máis que confirmar esa alma de feirantes e aventureiros que estou seguro levamos en boa medida dentro todos os galegos. Cando vivía en Compostela, coñecín un personaxe da Mariña lucense ben curioso. Aquel mozo que estaba rematando os seus estudos, creo que na Faculdade de Dereito, presentáramo un amigo común que xa me tiña contado anécdotas extravagantes do futuro avogado. Iste era coñecido nos ambientes universitarios porque se dicía que empregara a primeira bolsa que lle concedera o Ministerio para mercar un nicho na súa parroquia natal. Despois de serme presentado, coincidín con el varias veces polas rúas do casco vello. Na última ocasión, xa licenciado, vino atravesar a Algalia cun maletín, unha gravata e un gato negro enriba dun ombreiro. Saudoume mentres os transeúntes poñían cara de estar vendo un marciano. Non volvín saber del durante algúns anos, ata que o vello amigo común me contou que o da Mariña se instalara na tamén chuviñenta cidade de Edimburgo, por mor dun estudos de posgrao. Non sei ben a santo de que, aló acabou abrindo un bar nun populoso barrio daquela urbe. Aseguroume que o tipo non daba feito a traballar, popularizara entre os obreiros daquela rúa o chourizo galego. Os traballadores ecoceses que paraban no seu local, abandonaran o clásico menú británico, preferían como almorzo unhas astronómicas tixoladas de chourizos con patacas frixidas antes de ir cara ás factorías.