«Hai que revisar a vista polo menos unha vez ao ano»

La Voz S. G. | CARBALLO

CARBALLO

Entrevista | Irene Verde López Acaba de realizar unha investigación sobre rehabilitación visual

10 mar 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

?rene Verde López, natural de Baio e con 22 anos de idade, é diplomada universitaria en Óptica e traballa como tal nunha empresa de Carballo. Pero a súa vinculación co mundo académico mantívose aínda despois de acabar os estudos, xa que realizou, no Instituto Galego de Oftalmoloxía, unha investigación titulada Rehabilitación visual de pacientes con enfermedades retinianas que cursan con baja visión , dirixida por Isabel Lema Gesto (con raíces en Borneiro, por certo). -Miramos pacientes de máis de 60 anos para saber a patoloxía que tiñan, e buscámoslle unha axuda para que poidesen desenvolverse en tarefas de cerca, como ler o xornal, cortar as uñas, maquillarse, escribir... Cousas que antes non podían facer, ao acabar, xa eran capaces. -¿A que persoas tratou? -Traballamos con 65 persoas de toda Galicia, coas que contactamos gracias á base de datos do hospital de Santiago e tamén os que acudían por primeira vez a unha revisión. A cada un víamolo dúas veces. O que máis facilitamos foron gafas prismáticas e lupas. Tratamos, sobre todo, a xente cunha agudeza visual inferior a 0,1. -¿Temos boa vista? -Depende de cada caso, claro, pero pasa moito que a xente descóidase, e cando chega a hora de graduarse, ten unhas necesidades maiores das que tería se se consultase antes. Hai que revisar a vista polo menos unha vez ao ano, é moi útil e ademais non custa nada. -¿Por que se decidiu a investigar nesta liña? -Interesábame o tema, e concedéronmo. É un traballo de fin de carreira, pero non obrigatorio. Quería saber máis sobre o que se chama baixa visión, porque aínda non está moi estudado. Si sabemos que afecta máis a pacientes diabéticos e con dexeneración macular asociada á idade e con tensión ocular.