¡Vaia percebe!

RAMÓN M. VILAR LANDEIRA

CARBALLO

RADIOGRAFÍAS | O |

04 ago 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

¡COMA PUÑOS! Quedei traumatizado coa foto da portada de onte mércores, na que aparece un veciño de Corme cuns percebes do Roncudo que, como diría algún, «lle roncan o nabo». E, a propósito desta última expresión, o nome que lle puxeron ao percebe de 23 centímetros e máis de 200 gramos non está exento da retranca made in Costa da Morte : o conde Lecquio. E aí estamos nós, meu home, mostrándolle ao mundo que nestas terras temos os mellores percebes do universo. Cunha presada de pezuñas mariñas empachamos aos alcaldes máis lambóns e ata ao obispo máis esixente. Pero o noso Conde Lecquio, ese portento que envexaría o mesmísmo Roco Sifredi para os seus filmes pornográficos. O percebe cormelán pode incluso variar as designacións metafóricas que se lle dan por estas estas terras aos aparatos reproductores masculinos. Cando o aqueloutro destaca ao longo e ao ancho chamámoslle, figuradamente, nabo, trabuco, mango ou mangueira agora pasaremos a escoitar eso do percebe. Dende aquí non podo evitar darlle unha idea ao rexedor de Ponteceso. Grazas a estos produtos monumentais que se dan nas costas do municipio debería andar espelido e organizar un acto especial na Festa do Percebe. Propoño que cada ano un freakie do mundo televisivo dea un pregón e un haxa premio ao percebe máis longo e máis gordo, porque, non nos enganemos, a medida tamén importa. O primeiro pregoeiro ten que ser o Conde Lecquio, logo poderían ir desfilando Dinio ou o actor porno Nacho Vidal, que agora anda coas memorias da súa ferramenta de traballo. En fin, podería ser pregoeiro calquera homiño ao que a caprichosa natureza dotara dun penedo do Roncudo entre as pernas.