Cara ningures

CARMEN ESPASANDÍN

CARBALLO

ARA SOLIS | O |

12 may 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

O QUE realmente lograra afundila fora a mensaxe que lera pola mañá no móbil. Por iso collera o coche e percorrera quilómetros de silencio cara ningures. Quizais buscando solucións, quizais escapando dos propios pensamentos. Molestáballe a fermosura das xestas en flor á beira da estrada, o verde sen igual dos campos e aquel arrecendo a terra mollada das leiras aradas. Estorbábanlle, porque lle traían á mente outras primaveras. Intentando ignorar a paisaxe prendera a radio, El sueño de Morfeo cantaba: «... que nunca volverá, que nunca estivo alí, que todas as promesas...». Apagouna. Comezou a chover. A estrada, pola que tantas veces circulara, descoñecéuselle. Só lle resultaba agradable o monótono barullo dos limpa. Sen saber ben como, chegou ao paseo da alameda. Autómata, saíu do coche e sentou nun dos bancos. Seguía a chover. Nun golpe de valentía liu de novo a mensaxe: «Vale, sempre fun sincero contigo, ela está aquí, comigo». Premeu o botón de borrar mensaxe e deixouse estar un bo anaco, como cargando unha estraña enerxía. De súpeto, nunha arroutada, ergueuse, botou as mans á cara, enxugou a auga que nela tiña, dirixiuse ao coche e regresou. Escampara.