«Non contemplamos a opción da enerxía eólica mariña»

La Voz M. V. | CARBALLO

CARBALLO

XOÁN A. SOLER

Entrevista | Xoán Ramón Doldán García O novo responsable do Inega é un pontecesán convencido que viviu as deficiencias da Costa da Morte e que está disposto a traballar para acabar con elas

26 sep 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

O novo director do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), Xoán Ramón Doldán García, coñece de primeira man as deficiencias eléctricas que dende hai anos sofre a Costa da Morte. De feito, naceu hai 42 anos en Ponteceso, un lugar ao que, recoñece, volve «sempre que é posible». Deixou a súa prometedora carreira como profesor de Economía Aplicada na Universidade de Santiago para poñer orden ao panorama enerxético de Galicia. Convencido de que «a mellor enerxía é aquela que non se consume», baseará o seu traballo en tres pilares: fomento das enerxías renovables, pero non precisamente a eólica, aforro enerxético e melloras nas redes de distribución. -¿Cales son os seus primeiros obxectivos como director do Inega? -Seremos a base de apoio da política enerxética da Consellería de Innovación, que dará un papel máis destacado ás enerxías renovables. Queremos impulsar as políticas de aforro e de eficiencia enerxética, que ata agora estaban dirixidas, sobre todo, ao ámbito doméstico. A nosa idea é extendelas tamén a todo tipo de empresas públicas e privadas. Outro obxectivo fundamental será mellorar as redes de distribución e os servizos que se prestan aos usuarios. -A Costa da Morte é unha zona excedentaria en producción, pero aínda deficitaria en recepción. ¿Que medidas vai tomar o Inega? -Coñezo esas deficiencias porque son da zona e ao longo da miña vida téñoas sufrido. Desde o Inega pensamos que as zonas produtoras deben beneficiarse do feito de sorportar as infraestruturas enerxéticas. Neste caso concreto, si soportan instalacións como os parques eólicos, gran parte deses beneficios deberían repercutir nos municipios, ben en forma de rendas ou cunha mellora de calidade do suministro. -A idea é lóxica, pero, ¿por que non se fixo antes? -Gran parte da política enerxética do anterior goberno fundamentábase no incremento da produción e, complementariamente, para darlle saída, déronse melloras nas redes de distribución, pero non foi o eixo fundamental. O que nós pretendemos, sin abandoar a importancia da produción, é atender o servizo que reciben os usuarios. -No caso da Costa da Morte, a falta desas melloras provocou que grandes proxectos industriais quedasen parados á espera dunha enerxía máis barata, como o gas. -Temos que abordar a cuestión do suministro fomentando as distintas fontes enerxéticas, non centrándonos nun só tipo de enerxía, senón en distintos tipos, entre as que pode estar o gas natural, pero tamén outras formas de enerxías renovables que permiten máis flexibilidade. No caso do gas natural atopamos varios problemas, como de que maneira facelo chegar a algúns lugares do rural. Neses casos, ao marxe das grandes redes poderíanse conxugar outras formas de enerxía. -¿Cales? -Formas de explotación enerxética, como a enerxía solar ou a biomasa, van ter un impulso durante esta lexislatura, sen que iso signifique que se abandonen outras formas de explotación que xa están en marcha. -¿E que lle parece a enerxía eólica mariña? -Todo o que ten que ver co desenvolvemento da enerxía eólica nos próximos anos debe redefinirse. O desenvolvemento eólico en xeral non vai ser como foi ata agora. No caso dos parques mariños, non é unha opción que contemplemos porque plantea importantes dúbidas sobre as interferencias que pode producir noutras actividades como as pesqueiras ou sobre o medio ambiente. Non está totalmente descartado, pero hai moito que estudar antes de que se lle dea para adiante. Hai opcións menos complicadas e menos conflictivas. -¿A que se refere cando di que o desenvolvemento eólico non será como foi nos últimos anos? -Nos últimos anos douse un crecemento moi rápido do sector eólico que, en parte, pode que fose necesario, pero non seguiremos a ese ritmo. Os proxectos que xa están en marcha sairán para adiante, pero os novos que se pretendan iniciar entrarán nunha redifinición global. É moi posible que nos próximos anos non se avance demasiado na cuestión dos grandes parques eólicos e, en todo caso, será unha fórmula diferente. -¿Quere dicir con isto que os montes de Galicia xa están sobresaturados? -Hai zonas cunha saturación bastante alta e haberá que buscar outras fórmulas. -¿Por que fórmulas aposta o novo director do Inega? -Fundamentalmente polas enerxías renovables. Sempre sen olvidar que a mellor enerxía é aquela que non se consome, aquela que aforramos. Esa é a mellor política enerxética que se pode facer. O consumo debería ser só sobre enerxías renovables, e dentro destas, non podemos basearnos en ningunha en exclusiva. Haberá que ver en cada lugar e en cada momento cal é a fórmula máis axeitada. -É o co-autor dun exhaustivo estudo sobre os efectos económicos da marea negra do «Prestige». ¿A que conclusións chegou? -O Prestige serve para lembrarnos as hipotecas que ten un modelo enerxético baseado nos cumbustibles fósiles. Este tipo de accidentes para os ecosistemas mariños son gravísimos e, lóxicamente, acaban tendo repercusións para as actividades pesqueiras. Sen dúbida tivo efectos negativos para a Costa da Morte e negalo sería absurdo. Estes efectos vanse deixar notar durante moitos anos e hai que facer un seguimento.