«Haikús» da Costa da Morte

La Voz S. G. | CARBALLO

CARBALLO

Crónica | Letra e imaxes de luxo para a comarca

14 jun 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

?As garzas grises tecen-o río/ Fuxen cando vou/ Non persigo as súas pegadas». Este é o primeiro dos cinco haikús escritos por Alfonso Armada, poeta, dramaturgo e xornalista, nado en Vigo fai 49 anos, dedicado á Costa da Morte. Cada un deles está acompañado dunha imaxe de Antón Patiño, un dos principales representantes da pintura galega, realizadas con estarcido e aerógrafo, só en negro e azul. Seis en total, xa que Armada aporta tamén un texto introdutorio. Os dous traballos fanse un reunidos nunha carpeta especial, pensada para coleccionistas (amantes da arte, en todo caso, e con posibles, porque custan 1.600 euros) titulada Haikús da Costa da Morte . Foi presentada o día 1 deste mes en Madrid na galería Antonio Manchón. Armada explicaba onte que realizaou os seus cinco poemas, próximos á estética xaponesa do haikú (tres versos de cinco, sete e cinco sílabas, sen rima, ideados sobre todo para describir fenómenos naturais o a vida cotiá) no ano 2000, pero non foi ata este cando os retomou. Xurdiu a idea falando con Patiño, a quen lle une unha amizade de fai anos (e tamén coa muller) e con quen xa colaborara noutros traballos. Patiño propúsolle facer algo xuntos e saíron os haikús . Armada confésase un enamorado da Costa da Morte dende a súa mocidade. Xa con 17 anos se achegara a zona, e volvería moitas veces e aínda o fai. Sobre todo, a Muxía. E, en concreto, a Nemiña e a un pequeno lugar que hai moi preto, ao que tamén está vinculado o seu irmán. Este coñecemento permítelle analizar os efectos do paso do tempo, a peor, especialmente no urbanismo. Non só pola chegada das urbanizacións masivas, senón xa polo «pouco respecto» que se lle ten ás formas da arquitectura popular, ao contrario do que ocorre, por exemplo, en Asturias. Aínda que con esta obra é a primeira vez que se achega directamente á Costa da Morte, xa ten falado en moitas máis ocasións dela en diversos escritos, libros ou nas súas crónicas como correspondente en Nova Iorque dun diario nacional moitos anos. Nos haikús toca a noite, o mar, a metáfora, a chuvia, a bruma, o pensamento, a dor. «Cada poema parece unha mensaxe nunha botella», contaba a tarxeta de presentación do acto. O último, o quinto, di o seguinte: «Tinta noite china/ A lúa báñase as nádegas/ cando ninguñen mira/ naufraga quen se perde».